O VI Encontro universitario de danza clausúrase no Campus de Lugo con novas actuacións e un debate
O VI Encontro universitario de danza contemporánea, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, chega este xoves en Lugo ao seu final tras dous días de actividades tanto no Campus de Santiago como no de Lugo.
Un total de sete grupos de danza procedentes de distintas universidades de todo o mundo participan nesta edición, que abriu as portas, por primeira vez aos países iberoamericanos coa presenza do grupo da Universidade de Cundinamarca, de Colombia. Tamén están presentes, ademais do grupo da USC, a Université Paris 13, a Técnica de Lisboa, a Autónoma de Barcelona e a Europea e a Carlos III de Madrid.
O programa previsto para este día de peche será a actuación de todas as compañías cun pequeno estrato da coreografía no vestíbulo da cafetería da Escola Politécnica Superior, ás 12:00 horas. A continuación, ás 13:00, haberá unha demostración de ‘Pakour’ no Auditorio ao aire libre do Campus.
Pola tarde, ás e tras un percorrido polo centro histórico da cidade, actuarán ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial as compañías da universidade de París, as dúas madrileñas e repetirá a USC. A primeira representará a peza ‘La danse des éventails’, a Calos III ‘¿Quién ama a Virginia?’, a Europea de Madrid ‘El cuerpo en blanco’ e a galega novamente representará ‘O falar calado’.
Haberá este xoves tamén tempo para o debate. Moderado por Juan Carlos Zahera, os participantes, tanto bailaríns como coordinadores das universidades, poderán indicar as súas posturas sobre o camiño a seguir pola danza universitaria. Este debate será ás 17:00 horas na Sala de Prensa do Vicerreitorado.