Viaño Rey preside este xoves en Lugo a reunión de constitución da comisión reitora do Campus Terra da USC
O reitor da USC, Juan Viaño Rey, preside este xoves, a partir das 10.30 horas, na sede da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, a reunión para formalizar a constitución da comisión reitora do Campus Terra da USC.
O secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera; o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicexerente do campus de Lugo, José Luis Cruz; o deputado provincial de Lugo Álvaro Santos; o empresario e conselleiro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jesús Quintás, así como os directores e decanos das distintas facultades e escolas universitarias radicadas no campus de Lugo tamén participarán nesta sesión constitutiva en calidade de membros da comisión da reitora do Campus Terra da USC. Unha vez formalizada a constitución da comisión, Viaño abrirá a primeira sesión de traballo coa presentación do informe do presidente da comisión e das accións contempladas no plan de actuación 2015-2016. A aprobación da estrutura de gobernanza do Campus Terra e o calendario de reunións da citada comisión reitora do Campus Terra da USC son outros dos puntos fixados na orde do día desta sesión, que rematará cunha quenda aberta de intervencións.