Ir o contido principal

Viaño sinala a transparencia informativa como clave para garantir a conexión entre as universidades e a sociedade

De esquerda a dereita, Ares, Merino, Viaño, Celeiro e Rivas, na apertura das xornadas
De esquerda a dereita, Ares, Merino, Viaño, Celeiro e Rivas, na apertura das xornadas
O reitor da USC inaugura en Fonseca un foro xornalístico no que participan máis de 60 profesionais de gabinetes de comunicación universitaria e centros de investigación

As universidades son xeradoras e distribuidoras de coñecementos á sociedade, un proceso de transmisión que debe desenvolverse con absoluto respecto á sociedade e ás persoas, polo que é preciso actuar con absoluta transparencia e tamén render contas en forma de resultados, salienta o reitor da USC. Juan Viaño realizou estas declaracións na inauguración da vixésimo sexta reunión da Augac, un foro xornalístico que cita ata o sábado en Fonseca máis de 60 profesionais da comunicación pertencentes aos gabinetes de comunicación de universidades e centros de investigación de España.

Viaño agradeceu o traballo que desenvolven os xornalistas para achegar universidades e sociedade, un cometido no que a USC estivo de sempre na vangarda, pois é a primeira universidade española que publica desde 2003 a súa memoria de responsabilidade social, ao tempo que tamén figura nos postos de vangarda no que atinxe á aplicación da contabilidade analítica, a través da que a sociedade pode coñecer cánto lle custa o traballo desenvolvido polas universidades. A importancia dos gabinetes de comunicación como canles que fomentan a necesaria comunicación das universidade coa sociedade e tamén a difusión de información entre os propios membros da comunidade universitaria foi outra das ideas resaltadas polo director do Gabinete de Comunicación da USC, Luís Celeiro, na apertura destas xornadas de traballo. O presidente da Augac, José Merino, e os responsables dos gabinetes de comunicación das universidades de A Coruña, María Ares, e de Vigo, Ciprián Rivas, tamén participaron no acto inaugural deste encontro organizado polas tres universidades galegas baixo o título ‘Comunicación universitaria e globlalización do coñecemento’. A análise do cometido que desenvolven a literatura o xornalismo cara a difusión do coñecemento centrou a temática da primeira mesa de debate deste foro, que se celebra por terceira vez na institución académica compostelá. Nesta sesión interviñeron como relatores os escritores e xornalistas Alfons Cervera, Gerardo González de Vega e Pedro Ugarte Tamayo. A vicepresidenta da Augac, Mariola Conde Casado, actuou de moderadora. O vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, José Pereira Fariña, guiou de seguido a mesa de debate co título ‘Os medios tradicionais e o seu papel na difusión do coñecemento. Os xornalistas Juanjo Becerra, de El Mundo; Tamara Montero Barreiro, de La Voz de Galicia; Xavier Cea Otero, subdirector de El Correo Gallego; Selina Otero Verdes, de Faro de Vigo; Mar Martínez Louzao, de El Progreso, e Cristina Huete, de El País, foron os relatores racharon co binomio prensa e tradición. A prensa é unha porta aberta ao coñecemento, pero cómpre diferenciar entre periodismo, que son as fontes e a información propiamente dita, e o soporte, que en función de que se trate de formato papel ou formato dixital, si que pode se máis ou menos tradicional, sinalaron os relatores. Os xornalistas convidados e participar neste foro subliñaron tamén a transformación permanente que está a experimentar o traballo nas redaccións xornalísticas, que adaptan a elaboración das informacións ao soporte a través dos que se difunden. Ao remate desta primeira sesións de relatorios e xa en quenda de tarde, as persoas inscritas na vixésimo sexta edición das xornadas formativas da Asociación Universitaria de Profesionais dos Gabinetes de Comunicación das Universidades e Centros de Investigación de España (Augac) participaron nunha visita á sede de Inditex, en Arteixo, así como nunha posterior recepción institucional no concello de A Coruña. Xornada do venres A función das televisións rexionais europeas como canle de proximidade para divulgar coñecemento e a linguaxe da experiencia na comunicación universitaria serán as dúas grandes áreas temáticas obxecto de debate e análise nas sesións programadas na xornada do venres, que tamén se desenvolverán no Salón Nobre de Fonseca. O coordinador de comunicación de la Asociación de Televisións Rexionais Europeas (CIRCOM), Fernando R. Ojea, achegará a súa visión sobre a función das televisións rexionais nun relatorio presentado por José Merino. De seguido, Ciprián Rivas, da Universidade de Vigo, guiará unha mesa de dabate sobre a linguaxe da experiencia en comunicación universitaria, na que intervirán como relatores os xornalistas Javier Martínez, Carlos Miráz e Isaac García del Río.

A xeito de colofón, as persoas participantes nesta reunión de xornalistas de gabinetes de comunicación universitaria e centros de investigación españois poderán completar a pé o sábado 17 un treito do Camiño de Santiago.

Participantes nas xornadas da AUGAC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2015.