O vicerreitor de Cultura da USC visita este martes o graffiti pintado nun dos laterais da residencia universitaria Burgo das Nacións
O vicerreitor de Cultura da USC, Elias J. Torres, visitará este martes 16 ás 11:00 horas o graffiti pintado nun dos laterais da residencia universitaria Burgo das Nacións. A obra, realizada por integrantes do Colectivo Madrépora, xurde dunha iniciativa promovida por un alumno da Facultade de Matemáticas.
Con este graffiti, preténdese recuperar paredes degradadas co paso do tempo a través de intervencións artísticas, neste caso utilizando unha das formas de expresión contemporáneas máis frecuentes. A idea inicial era representar, dun xeito “máis ou menos fiel”, unha sección dunha imaxe de carácter científico ocupando toda a superficie do muro, sen marcos coma se fose unha fiestra a outra realidade.
Os autores da obra agora presente na residencia Burgo das Nacións escolleron concretamente unha fotografía microscópica dun tecido muscular, “ao descontextualizar a imaxe o que facemos é abstraer o seu significado –apuntan os autores -, o concreto figurativo tórnase abstracto adquirindo así un matiz poético-artístico”.