Ir o contido principal

O vicerreitor José Manuel Mayán e o director xeral Rubén Cela reúnense para establecer as bases da colaboración entre a USC e a Xunta en materia de voluntariado

De esquerda a dereita, José Manuel Mayán, Rubén Cela e Javier Agrafojo
De esquerda a dereita, José Manuel Mayán, Rubén Cela e Javier Agrafojo

O vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José Manuel Mayán, e o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, reuníronse este martes 22 na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega para establecer os termos de colaboración entre a USC, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU), e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en actividades relacionadas coa formación, difusión e promoción do voluntariado no ámbito universitario. Na xuntanza tamén participou o coordinador do Servizo universitario, Javier Agrafojo.
Na actualidade, a USC ten en marcha preto de 30 accións distintas neste eido nas que colaboran máis de 150 voluntarios nos Campus de Santiago e Lugo. Todas estas actividades desenvólvense en colaboración con entidades de acción social e dos técnicos da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
Ademais destes proxectos, a institución docente impulsa tamén diversas actividades formativas e de información e sensibilización que fomentan a participación social e a integración, todas elas integradas no Programa de Formación do Voluntariado 2008 da Xunta de Galicia, e validables con créditos de libre configuración. Promovidas dende o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, todas as actividades pretenden a promoción do traballo en rede e teñen á sinerxía como un dos seus principais activos.
Aínda que nos labores de voluntariado atópanse especialmente implicados os estudantes, os distintos proxectos e programas en execución contan coa colaboración de todos os membros da comunidade universitaria, como o Persoal de Administración e Servizos e o Persoal Docente e Investigador. Así, no desenvolvemento das 28 Bolsas de Participación e Integración universitaria á colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade súmase a implicación dos responsables de coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC e dun importante grupo de docentes que desenvolven a función de coordinadores das bolsas en cada un dos centros da USC.
Actividades transversaisPartindo da idea de que a participación en actividades como voluntario ten un marcado compoñente formativo transversal, pola importante adquisición de competencias que supoñen estas colaboracións, a USC está a executar programas formativos nos que a parte teórica se complementa con outra práctica dentro de proxectos de aprendizaxe e servizo.
É o caso do programa Mediadores Informativos no que, en colaboración co Centro Quérote da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e con distintos servizos do CHUS e do Concello de Santiago, estanse a desenvolver actividades informativas nos centros da USC relacionadas cos servizos e programas de educación para a saúde (relacións afectivo-sexuais, hábitos axeitados de consumo, saúde mental, ou drogodependencias, entre outros). Deste xeito, os estudantes da USC son transmisores nos centros de estudo dos programas e actividades que entidades como o Centro Quérote ten organizadas nos concellos de Santiago e Lugo. Ademais, a participación no programa recoñéceselle aos participantes con catro créditos de libre configuración.
Outras iniciativasDe xeito paralelo aos proxectos e programas actualmente en marcha, o SPIU promove diversas iniciativas relacionadas co voluntariado no ámbito universitario ao longo de todo o ano. Mostra disto serían as xornadas “Dereitos Humanos e Participación: visións e proxectos das entidades de iniciativa social”, organizadas en datas recentes conxuntamente coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e organizacións como Amnistía Internacional, Médicos do Mundo, Inrtermon-Oxfam e UNICEF. Este encontro contou con preto dun cento de asistentes aos que se lles presentaron distintas análises sobre a situación dos Dereitos Humanos dende perspectivas político-civís, socioeconómicas ou de xénero. Ademais, a comezo do mes de abril a USC estivo presente no III Congreso Galego do Voluntariado coa colocación dun stand informativo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2008.