O vicerreitor de Lugo abre as vías para o intercambio de profesores e estudantes con catro universidades chinas

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, abriu a vía de colaboración con catro universidades da República Popular China para realizar intercambios coa USC tanto de profesores como de alumnos. Así o manifestou este luns na rolda de prensa organizada polas distintas institucións que viaxaron a ese país para facer un balance da mesma.
O vicerreitor subliñou que a curto e medio prazo comezarán a funcionar estes intercambios entre as institucións docentes, unha vez que quede solucionado o problema ocasionado pola dificultade de obter visados, cuestión na que xa se está traballando polas dúas partes.
Durante os dez días de visita no país asiático o vicerreitor estableceu contacto coas principais universidades das tres grandes cidades que visitou a delegación luguesa, que viaxaba a este país co obxectivo de establecer contactos institucionais e comerciais ao mesmo tempo que participaban no acto de irmanamento entre as murallas china e luguesa.
As visitas realizadas as universidades de Shanghai, Qinhuangdao e Beijing permitiron no primeiro caso avanzar nos contactos previos de colaboración entre as dúas institucións universitarias e nos outros tres establecer as primeiras negociacións para comezar eses intercambios, nos que as dúas partes están moi interesadas. O vicerreitor foi recibido nestas universidades polos seus máximos dirixentes cos que negociou directamente para comezar a redactar os convenios.
Carlos Herrero manifestou que a viaxe foi “unha experiencia produtiva e frutífera” e que os resultados poderán verse no de xeito inmediato pero si nun curto prazo. Manifestou tamén a súa sorpresa polo coñecido no país asiático “onde as titulacións teñen un amplo sentido tecnolóxico e o número de institucións universitarias e moi variado e numeroso”.