O vicerreitor de Relacións Institucionais presidiu este mércores a inauguración da décima edición do curso 'Introdución ao Dereito Constitucional da Unión Europea'

O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, inaugurou este mércores 17 a décima edición do curso ‘Introdución ao Dereito Constitucional da Unión Europea’, unha iniciativa enmarcada no programa de actividades da Acción Jean Monnet da cátedra do mesmo nome que dirixe o profesor Antonio Carlos Pereira Menaut.
Á sesión inaugural, que se celebrou na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito, asistiron tamén o pro-reitor da Universidade do Minho, Luis Filipe Lobo, encargado de ditar a conferencia inaugural do curso titulada “A Europa aberta e a integraçao continental: dilemas e modelos”, o director da cátedra así como a secretaria da Facultade de Dereito, Alba Nogueira.
No transcurso do acto inaugural, o profesor Pereira Menaut agradeceu a presenza do vicerreitor da USC e do pro-reitor de Minho neste curso que serve para cumprir os obxectivos da cátedra, tanto no relativo á apertura a Europa como no estudo dos procesos de integración. Pola súa banda, a secretaria da Facultade Alba Nogueira destacou a importancia do curso sobre todo porque abre novas perspectivas para os estudantes e porque “os galegos e os portugueses somos un claro exemplo de integración europea”.
O vicerreitor de Relacións Institucionais, que presidiu o acto, dixo que “a construción de Europa non debe ser só a construción dun espazo único no ámbito do mercado senón que ten que estenderse tamén a un espazo único fundamentalmente na transferencia de coñecemento”. Nesta liña, segundo Lourenzo Fernández Prieto, está traballando a Universidade de Santiago, procurando que “as posibilidades dos estudantes dun Estado para estudar nas universidades doutro sexan absolutamente reais, que isto se poda facer sen barreiras de ningún tipo”.
Jean MonnetA Acción Jean Monnet "Ensinanzas universitarias sobre a integración europea", é unha acción de información da Comisión Europea dirixida a facilitar a implantación de novas ensinanzas sobre a integración europea nas universidades, por medio de subvencións á súa posta en marcha.