Ir o contido principal

O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC reúnese con representantes universitarios e da comunidade galega en Arxentina e Brasil

O vicerrector de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, viaxa esta semana a Arxentina e Brasil para participar en varias universidades, centros galegos e outras institucións de caracter educativo e cultural en reunións e conferencias informativas sobre as tres universidades de Galicia e as súas respectivas ofertas académicas, en todos os ámbitos docentes.
Estas visitas enmárcanse nun programa conxunto das tres universidades de Galicia, apoiado pola Consellaría de Educación a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e pola Secretaría Xeral de Emigración. A delegación galega visitarán tamén Uruguai e Venezuela. En total estarán en Centros Galegos, no Instituto Cervantes e varias universidades de recoñecido prestixio, das cidades de Bos Aires, Sao Paulo, Rio de Janeiro, Salvador de Bahía, Caracas e Motevideo.

A primeira intervención de Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, terá lugar este mércores, día 5, a partir das 18:30 horas na Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais de Bos Aires. Ao día seguinte estará na Universidade de Bos Aires e o día 7 rematará a súa estadía en Arxentina cunha reunión no Centro Galicia da capital, unha das institucións promovidas polos emigrantes e fillos de emigrantes máis importantes do exterior. Foi creado en 1979 ao fusionarse os Centros Coruñés, Lucense, Orensano e Pontevedrés, e na actualidade esta presidido por Héctor Fernández Álvarez.
Estadía en BrasilDe Bos Aires viaxa a Sao Paulo, onde na mañá do día 10 celebrarase unha reunión coa Comisión de Cooperación Internacional da Universidade desa cidade. Como responsable das relacións institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto encárgase do fomento dos convenios de intercambio e cooperación con outras Universidades relacionados coa docencia, a administración e a investigación.
A segunda reunión de Sao Paulo, o mesmo día 10 ás 21:00 horas, terá lugar na Sociedad Hispano-Brasileira, entidade presidida por Rodrigo Ventín Santos e coas súas orixes no ano 1898, cando un grupo de emigrantes españois e galegos decidiron xuntarse para facilitar as condicións para a adaptación e a integración laboral dos seus veciños, parentes e amigos que chegaban ao Brasil, concretamente á cidade onde se asenta. O día 11, antes de retornar a Galicia, celebrarase no Instituto Cervantes de Sao Paulo outra reunión de caracter cultural fundamentalmente.
Programa conxunto das Universidades galegasAs intervencións dos responsables universitarios e da Administración galega centraranse en achegar información sobre a estrutura universitaria e as formas de acceso así como da oferta académica das universidades de Galicia, nos seus sete campus: titulacións de primeiro e segundo ciclo, masters propios, programas de doutoramento e Programas Oficiais de Posgrao (POP). Neste curso 2007-08 na USC desenvolveranse 19 POP, con 20 masters oficiais, “unha oferta de interese para os estudantes de Iberoamérica”, en opinión dos seus responsables.
Outro dos obxectivos deste programa é establecer contacto cos galegos da diáspora, para manter relacións estables e permanentes, a través dos centros e entidades galegas. Ao mesmo tempo trátase de achegar información sobre as convocatorias de axuda para que podan estudar en Galicia. Neste momento permanece aberta a convocatoria de bolsas da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para estudantes universitarios, destinadas a emigrantes galegos ou aos seus descendentes ata o segundo grao. O prazo de solicitude remata o día 20 deste mes de setembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2007.