A vicerreitora Carmen Fernández Morante incorpórase ao comité executivo da Comisión Académica Sectorial das Universidades Españolas da CRUE
A vicerreitora de Titulacións e Persoal Docente e Investigador da USC, Carmén Fernández Morante, incorpórase como novo integrante do Comité Executivo da Comisión Académica Sectorial das Universidades Españolas (CASUE). Esta é unha das comisións en que se vertebra a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE). A CASUE coordina as actividades académicas das universidades integradas na CRUE e ten como fin recompilar e difundir a información relativa ao réxime do profesorado e xestión do cadro de persoal docente, ordenación académica e planificación da docencia dentro do ámbito universitario. Ademais promove accións conxuntas como intercambios entre universidades sobre diferentes temáticas. Do mesmo xeito, corrresponde á CASUE discutir e definir liñas de acción en materia de mobilidade e promoción do profesorado, seguimento e control da actividade académica, contratación de profesores, acceso, aprobación, implantación e supresión de titulacións e demais cuestións académicas propostas para o seu estudo pola CRUE.