A vicerreitora de Internacionalización representa a USC no décimo terceiro Encontro de Reitores de Universidades Cubanas e Españolas

A vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, representou á USC no décimo terceiro Encontro de Reitores de Universidades Cubanas e Españolas organizado polos Ministerio de Educación Superior de Cuba e a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas na Habana.
O encontro permitiu a análise da colaboración entre as universidades de dos dous países con especial énfase nos proxectos de investigación como resultado final de doutoramentos conxuntos e as perspectivas de futuro neste ámbito. Tamén se abordou a cooperación universitaria entre Cuba e España ao abeiro de Erasmus + e Horizonte 2020, tema no que Almudena Hospido foi a representante española no panel de discusión correspondente. Finalmente, a xuntanza incluíu tamén a análise e aprobación do documento Alianza Estratégica Cuba-España que, entre os seus aspectos fundamentais, contempla a vinculación empresa-universidade, os doutoramentos industriais, programas de Capacity Building e a acción coordinada de investigación.
Nesta viaxe, a vicerreitora de Internacionalización actualizou os convenios de colaboración asinados con varias institucións cubanas e iniciou contactos para o establecemento de novos vínculos institucionais. Ademais mantivo xuntanzas coa decana da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana e coa directora da Cátedra de Cultura Galega Neira Vilas, dona Arantxa Fernández.