Ir o contido principal

A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade entrega aos responsables de centros o certificado de verificación dos seus Sistemas de Garantía Interna de Calidade

A responsable de calidade da Facultade de Ciencias Económicas, Mercedes Tato, recollendo a certificación de mans da vicerreitora Benita Silva
A responsable de calidade da Facultade de Ciencias Económicas, Mercedes Tato, recollendo a certificación de mans da vicerreitora Benita Silva
Un total de 23 xa dispoñen deste recoñecemento

Os quince centros da USC que participaron na terceira convocatoria do Programa Audit obtiveron o certificado de verificación dos seus respectivos Sistemas de Garantía Interna de Calidade. Esta é unha convocatoria que organizan a Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya, a Aneca e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG).

Nos últimos días, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, está a realizar un percorrido polos distintos centros que recibiron nesta convocatoria do programa Audit a correspondente verificación. Trátase das facultades de Física, Química, Bioloxía, Ciencias Económicas e Relacións Laborais de Santiago, ademais das de Veterinaria, Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas e Enfermaría de Lugo. Este mesmo xoves 2 a vicerreitoría fará o propio cos responsables de Dereito e Óptica e Optometría, e en datas posteriores con Medicina, Traballo Social, Xeografía e Historia e á Escola Politécnica Superior de Lugo.

Trátase dun recoñecemento ao deseño dos Sistemas de Garantía Interna de Calidade destes centros universitarios a través da avaliación da súa adecuación. Recoñécese así o compromiso das universidades e institucións de educacións superior coa promoción da calidade e fixación da calidade dos seus programas formativos.

Estes quince centros súmanse aos outros oito que superaron este trámite na segunda convocatoria do programa Audit, polo que un total de vinte e tres centros da USC xa dispoñen da certificación. Actualmente, outros cinco atópanse pendentes de verificación na cuarta convocatoria, cos que se completaría o conxunto de centros de Santiago e Lugo que obteñen a certificación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.02.2012.