Ir o contido principal

A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade entregoulle a Medicina o certificado de verificación do seu Sistema de Garantía Interna de Calidade

Benita Silva entregoulle o certificado ao decano de Medicina, Juan Gestal Otero
Benita Silva entregoulle o certificado ao decano de Medicina, Juan Gestal Otero
Agárdase que este ano todos os centros da USC dispoñan deste recoñecemento

A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva, está a realizar un percorrido polos distintos centros que recibiron este ano o certificado de verificación do Sistema de Garantía Interna de Calidade. Este venres tocoulle á facultade de Medicina, cuxo decano Juan Gestal Otero recibiu a certificación de mans de Silva. Trátase dun recoñecemento ao deseño dos Sistemas de Garantía Interna de Calidade destes centros universitarios a través da avaliación da súa adecuación. Faise valer así o compromiso das universidades e institucións de educacións superior coa promoción da calidade e fixación da calidade dos seus programas formativos. Xunto con Medicina, obtiveron este certificado os outros catorce centros da USC que participaron na terceira convocatoria do Programa Audit que organizan a Agència per a la Qualitat del Sistema Universitari de Catalunya, a Aneca e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG). Serían as facultades de Física, Química, Bioloxía, Ciencias Económicas, Dereito, Óptica e Optometría, Medicina, Traballo Social, Xeografía e Historia e Relacións Laborais de Santiago, ademais das de Veterinaria, Formación do Profesorado, Administración e Dirección de Empresas, Enfermaría e a Escola Politécnica Superior de Lugo.

Estes quince centros súmanse aos outros oito que superaron este trámite na segunda convocatoria, polo que son xa vinte e tres os que dispoñen da certificación. Actualmente, outros cinco atópanse pendentes de verificación na cuarta convocatoria, cos que se completaría o conxunto dos centros da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2012.