Ir o contido principal

Os vicerreitores de Cultura e de Comunidade Universitaria visitaron o graffiti pintado nun dos laterais da residencia universitaria Burgo das Nacións

Os vicerreitores de Cultura e de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Elias J. Torres e José M. Mayán, respectivamente, visitaron este martes 16 o graffiti pintado nun dos laterais da residencia universitaria Burgo das Nacións. A obra, unha iniciativa promovida por un alumno da Facultade de Matemáticas, foi realizada por Pedro Amutio, Damián Prado, Pablo Sande, Alejandro Gómez e Carlos Gómez, integrantes do Colectivo Madrépora.
Con este graffiti, preténdese recuperar paredes degradadas co paso do tempo a través de intervencións artísticas, neste caso utilizando unha das formas de expresión contemporáneas máis frecuentes. A idea inicial era representar, dun xeito “máis ou menos fiel”, unha sección dunha imaxe de carácter científico ocupando toda a superficie do muro, sen marcos coma se fose unha fiestra a outra realidade.
Os autores da obra agora presente na residencia Burgo das Nacións escolleron concretamente unha fotografía microscópica dun tecido muscular, “ao descontextualizar a imaxe o que facemos é abstraer o seu significado –apuntan os autores -, o concreto figurativo tórnase abstracto adquirindo así un matiz poético-artístico”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2007.