Víctor Mouronte recibe unha ‘tablet’ como gañador do concurso de lemas da Escola Politécnica ‘Facendo Enxeñaría en Galego’

O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, xunto con outros membros do xurado encargado de fallar o concurso de lemas ‘Facendo enxeñaría en galego’, convocado pola comisión de normalización lingüística do devandito centro universitario, entregaron este mércores a ‘tablet’ fixada como premio ao gañador do certame, o enxeñeiro forestal Víctor Mouronte Barreiro.
O enxeñeiro forestal Víctor Mouronte Barreiro gañou este certame, ideado para dar maior promoción á Escola Politécnica Superior de Lugo e tamén para fortalecer o emprego desta lingua nas ensinanzas técnicas, coa proposta ‘Imaxina, investiga, descubre... Enxeña’. O xurado encargado de fallar este certame, ao que se presentaron 21 propostas, valorou o lema de Víctor Mouronte pola súa linguaxe directa, que anima á acción, así como pola forma en que presenta a enxeñaría como ámbito ou espazo para desenvolver unha serie de actividades tan relevantes para o coñecemento científico como o son a a creatividade e a investigación. Os profesores da Escola Politécnica Superior e membros da comisión de normalización lingüística do centro Ana I. García Arias, Pablo Vila Lameiro e Xerardo Casal Urcera formaron parte do xurado desta primeira edición do concurso de lemas ‘Facendo enxeñaría en galego’, un tribunal no que tamén estivo presente o director da Politécnica, Javier Bueno, e o responsable de Servizo de Normalización Lingüística no campus de Lugo, Xusto Rodríguez.