O videoforum do documental ‘Comprar, tirar, comprar’ propón unha reflexión arredor da obsolescencia programada
Baterías que “morren” aos 18 meses de ser estreadas, impresoras que se bloquean ao chegar a un número determinado de impresións, lámpadas que se funden ás mil horas. Por que, pese aos avances tecnolóxicos, os produtos de consumo duran cada vez menos?. Coa aspiración de dar resposta a esta e outras preguntas, os bolseiros do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC organizan este mércores 13, a partir das 19:00 horas na Facultade de Xeografía e Historia, un videoforum co documental Comprar, tirar, comprar sobre as consecuencias sociais e ambientais da “obsolescencia programada” que contará coa presenza da súa autora Cosima Dannoritzer. Rodado en España, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Ghana, Comprar, tirar, comprar fai un percorrido pola historia dunha práctica empresarial que consiste na redución deliberada da vida dun produto para incrementar o seu consumo. O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer e coproducido por Televisión Española, é o resultado de tres anos de investigación, fai uso de imaxes de arquivo pouco coñecidas; achega probas documentais e amosa as desastrosas consecuencias medioambientais que se derivan desta práctica. Tamén presenta diversos exemplos do espírito de resistencia que está crecendo entre os consumidores e recolle a análise e a opinión de economistas, deseñadores e intelectuais que propoñen vías alternativas para salvar economía e medio ambiente. O videoforum completarase o xoves 14 de abril coa realización dunha mesa redonda na que participarán, entre outras persoas, o profesor Ricardo García Mira –psicólogo ambiental da Universidade da Coruña. Esta actividade enmárcase no Programa USC en Transición, unha iniciativa incluída dentro do Plan de Desenvolvemento Sostible e conta coa colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental, da Federación Ecoloxista Galega, do grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental e das educadoras ambientais de Feitoría Verde. Neste proxecto estase a realizar unha intensa actividade de educación, divulgación e concienciación ambiental co obxectivo de reducir a pegada e a débeda ecolóxica da USC a través de actividades que fomenten o traballo comunitario. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar o enderezo http://www.usc.es/plands/seccions/datos_plan/eixe3/linas_actuacion/usc_transicion/usc_transicion.htm