A vidreira de Veterinaria acolle un concerto de música de cámara, jazz e rock
Alumnos da Escola Arte e Lecer do Colexio Fingoi e do Conservatorio Profesional de Música de Lugo serán os protagonistas do quinto concerto do ciclo ‘Músicas na vidreira’, que terá lugar este luns 19 ás 14:00 horas na vidreira da Facultade de Veterinaria de Lugo. Neste recital escoitarase música de cámara e pezas de rock e jazz.
Lugo Cultural puxo en marcha este curso o ciclo ‘Músicas na vidreira’ co obxectivo de complementar a oferta da programación de música clásica de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ao tempo que serve de apoio para os novos intérpretes lugueses que, cos seus diferentes conservatorios e agrupacións, poden ofrecer actuacións musicais duns trinta minutos de duración na vidreira de Veterinaria.
Nesta iniciativa, que se manterá ata o mes de xuño, participan alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, a Escola Privada de Música Cantarela, o Centro Autorizado Profesional de Música Galén, o Conservatorio de Música Profesional de Fingoi e a Escola de Música Fábrica de Sons.