O VII Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos achégase aos desafíos educativos en comunidade
O Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC co organiza a sétima edición do Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos co lema ‘Rede e tecnoloxía: desafíos educativas en comunidade’ e que se vai celebrar o vindeiro mes de febreiro de 2016. Esta é unha actividade que tamén organizan Nova Escola Galega, o CPI de Vedra e a ANPA do mesmo centro.
As sesións teóricas a través de mesas de debate na que situar a cuestión da avaliación dos recursos dispoñibles complementaranse con presentacións literarias para amosar traballos de divulgación de interese nacional e con obradoiros para o traballo personalizado. O seminario procura deste xeito ofrecer ferramentas de acción que o profesorado utilice no mesmo momento de realizar a propia actividade formativa, cuestionando os propios materiais e o uso que se deriva da súa práctica reflexiva nas aulas.
O encontro ten como fin coñecer e usar guías de avaliación de materiais educativos, avaliar os materiais didácticos a través de distintos modelos de avaliación, tomar decisións construtivas respecto deses materiais o propio contexto e someter a análise os recursos das principais editoriais para considerar a súa utilidade nas aulas.