O VIII Premio Aresa distingue o exemplo de bo facer empresarial do impulsor da Queixería Casa Macán
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, acompañados polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela Sánchez, participaron na cerimonia de entrega do VIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, celebrada este venres 18 no campus de Lugo. O galardón foi recollido polo empresario Eladio Rigueira Sobrado, propietario da Queixería Casa Macán, e outorgado en recoñecemento ao seu exemplo de “bo facer empresarial e á súa aposta pola innovación tecnolóxica”, tal e como subliñou Rodríguez Eiras.
Con esta distinción, tanto Aresa como a Universidade compostelá quixeron destacar o esforzo deste novo empresario lucense, que logrou converter unha pequena explotación nun prometedor negocio que vai gañando mercados e xerando empregos, no esixente espazo europeo de produción e comercialización agroalimentaria.
O Premio Aresa está xa consolidado na súa oitava edición polo seu prestixio e a procura dunha prosperidade económica acorde coa importancia estratéxica deste sector. O galardón está dotado con 10.000 euros e diploma de mérito.
Antes da entrega do VIII Premio Aresa, o recoñecido experto en Endocrinoloxía e Nutrición, o catedrático e xefe de servizo de Endocrinoloxía, Metabolismo e Nutrición do Hospital Universitario San Carlos de Madrid Aniceto Charro Salgado ofreceu a conferencia maxistral anual. Nela fixo unha exhaustiva exposición sobre a dieta galaica e cómo o tipo de alimentación galega contribúe a lograr unha poboación máis lonxeva. A cerimonia continuou coa intervención do Conselleiro de Traballo, sendo clausurada polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro.
O acto de entrega celebrouse no auditorio da Facultade de Veterinaria, en presenza de varios centenares de persoas. Entre as personalidades figuraban o secretario xeral de Traballo, José Vázquez Portomeñe; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado de Goberno, Jesús Otero Calvo; a presidenta da Audiencia Provincial, Mª José Ruíz Tovar, así como outros membros das delegacións provinciais de Traballo, Política Territorial e Medio Rural.
Tamén se atopaban entre os convidados, os representantes do Consello Social da Universidade, Benjamín Casal Vila e Luís García Santalla; o comisario xefe da Policía, Maximino Losada López, así como o presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela Pérez, entre outras autoridades da vida social e cultural galega.
O xurado da VIII edición do Premio Aresa estivo integrado por destacadas personalidades do mundo académico e do sector. Xunto a Aniceto Charro, formaron parte do mesmo, o reitor de Universidade de Santiago, Senén Barro; o seu homólogo da Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso Peña; o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Lugo, Carlos Herrero Latorre.