Ir o contido principal

Villares Naveira aborda na Escola Politécnica Superior a relación entre a propiedade e os usos da terra en Galicia

Villares Naveira e Miranda Barros, na EPS
Villares Naveira e Miranda Barros, na EPS
O maxistrado do TSXG participa como relator nunha sesión formativa do Máster Terra da USC sobre propiedade e xestión territorial

A propiedade da terra en Galicia a xestión territorial centrou a temática do relatorio ofrecido polo maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza Galicia (TSXG) Luis Villares Naveira na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC no marco dunha actividade formativa organizada ao abeiro do Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (Masterra), un posgrao coordinado polo profesor e director do Laboratorio do Territorio da USC, David Miranda Barros.

Nunha intervención desenvolvida baixo o título ‘O territorio: de quen e para quen? Propiedade e acción pública na Galicia do século XXI’, Villares Naveira achegou a súa visión sobre o devir do territorio e a busca do equilibrio entre a propiedade da terra en Galicia, onde hai máis de 1,5 millóns de propietarios, e a acción pública, a través da súa actividade de regulación e de fomento. A incidencia que ten a existencia ou ausencia de equilibrio entre a propiedade da terra e acción pública nos aproveitamentos da superficie, así como na xestión dos recursos naturais dispoñibles e, en última instancia, respecto dunha biodiversidade sustentable, foron outros dos aspectos tratados na súa intervención por Villares Naveira. De seguido da intervención do maxistrado do TSXG, o salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acolleu unha mesa de debate sobre a relación entre a propiedade da terra en Galicia, as actuacións das administracións públicas e as dinámicas territoriais. Nesta sesión, interviron como relatores convidados o director Xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois; a profesora da USC e director do Instituto de Estudos do Territorio, Ines Santé Riveira; o presidente da Rede Galega de Custodia do Territorio, Óscar Rivas López; o enxeñeiro de Montes e presidente da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans del Valle, e o enxeñeiro agrónomo e é director da área de cultivos e mecanización agraria da cooperativa Os Irmandiños, Santiago Sousa Lema. Este foro de análise incluído no programa formativo do Masterrra, orientado á participación de estudantes, profesionais, responsables políticos e sindicais, asociacións e ONGs, pero tamén aberto a todo o público interesado no devir do territorio e dos seus aproveitamentos, así como na xestión dos recursos naturais e tamén na actuación da sociedade en aras de asegurar súa sustentabilidade, congregou numeroso público na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Asistentes á xornada formativa do Masterra da USC, no salón de actos da Escola Politécnica Superior

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2016.