Ir o contido principal

Máis dunha vintena de emprendedoras presentan as iniciativas coas que crean tecido empresarial galego na feira Emega

Imaxe de arquivo dunha emprendedora. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha emprendedora. FOTO: Santi Alvite
Este encontro de mulleres beneficiarias das axudas deste programa no que toma parte a USC serve de inspiración para futuros proxectos femininos de emprendemento e contribúe a “poñer en común os problemas, as dificultades e as solucións”, tal e como explicou o reitor Antonio López no acto inaugural
Santiago de Compostela

O IV Encontro de Emprendedoras do Programa Emega no que toma parte a USC, reuniu este venres a varias edicións de mulleres beneficiarias das axudas desta iniciativa e que emprenderon en diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, inspirando a outras e liderando empresas que se están consolidando no tempo. A feira expositiva que se desenvolve na Escola Galega da Administración Pública serve de colofón a toda unha semana de formación en liña en materia de emprendemento para máis de medio cento de mulleres que queren darlle pulo aos seus propios proxectos. Un total de 25 emprendedoras toman parte nesta xuntanza a través de espazos expositivos nos que presentar os servizos e produtos das súas respectivas iniciativas empresariais.

A feira foi inaugurada polo reitor Antonio López e pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. O reitor Antonio López destacou na súa intervención que o emprendemento é unha peza clave á hora de “xerar riqueza, abrir oportunidades e facer máis grande o país”. O reitor quixo salientar que o empredemento non é alleo á fenda de xénero, por iso, cando este tipo de iniciativas son impulsadas por mulleres, adquiren aínda “máis valor”. Antonio López realizou un percorrido polas iniciativas que a USC ten desenvolvido neste eido e destacou que encontros como o desta semana ao abeiro do Programa Emega serven para “poñer en común os problemas, as dificultades e as solucións” no marco desta rede de emprendedoras. Pola súa parte, a conselleira deu as grazas á Universidade pola súa participación neste programa, definíndoa como “punto de inflexión” no seu desenvolvemento. María Jesús Lorenzana destacou que as mulleres participantes ao longo da historia de Emega acaban converténdose en “referentes do noso tecido produtivo” e, neste senso, agarda que a colaboración coa USC poida verse incrementada nos vindeiros anos.

Programa

Tras o acto inaugural, a xornada botou a andar coa conversa ‘Empresas familiares que crean riqueza no rural, o cambio xeracional liderado en feminino’ a cargo de Covadonga Toca, directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; e Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).

A continuación, desenvolveuse a mesa redonda ‘As galegas que emprenden e transforman o tecido empresarial galego: valor económico, valor social e creación de emprego’, na que interveñen representantes de diversas empresas. Este coloquio estivo moderado por Eva López Barrio, responsable do programa Woman Emprende da USC, rede para desenvolver unha plataforma de traballo que potencie a creación de empresas no ámbito universitario, e conseguir resultados de participación das mulleres en consonancia á súa cota de participación na Universidade. A propia Eva López Barrio presentou, xunto a Aurora Patiño Doval, subdirectora Xeral de Promoción da Igualdade, as principais conclusións deste IV Encontro das Emprendedoras do Programa Emega.

Ademais, a retransmisión en directo da feira a través da canle de YouTube de Woman Emprende, permitiu coñecer en liña as actividades empresariais de cada unhas das expositoras. Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, e Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade, foron as encargadas de clausurar a sesión. O  programa  Emega,  da  Secretaría  Xeral  da  Igualdade e no que toma parte a USC  dá  apoio  económico  ao  emprendemento  feminino  e  á  consolidación  de  proxectos empresariais  liderados  por  mulleres  como  medio  axeitado  para  a  súa  promoción, participación e progresión no mercado laboral. 

De esquerda a dereita, Covadonga Toca, Eva López, María Jesús Lorenzana, Antonio López e Carmen Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Covadonga Toca, Eva López, María Jesús Lorenzana, Antonio López e Carmen Rodríguez. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2021.