Ir o contido principal

Unha vintena de universidades e institucións internacionais comprométese en Compostela co diálogo intercultural e o turismo sustentable

Unha vintena de universidades e institucións internacionais comprométese en Compostela co diálogo intercultural e o turismo sustentable
Unha vintena de universidades e institucións internacionais comprométese en Compostela co diálogo intercultural e o turismo sustentable
A iniciativa foi impulsada polo Grupo Compostela de Universidades, a Organización Mundial do Turismo e Helsinki España.

Os reitores e representantes de 19 universidades e institucións internacionais asinaron hoxe no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) unha declaración institucional coa que se comprometen a traballar para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, protexer os dereitos humanos e promover un turismo que contribúa ao crecemento económico, a un desenvolvemento incluente e á sustentabilidade ambiental.

Con esta declaración comprométense, entre outras medidas, a establecer unha política marco que inclúa os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable nos plans de estudo académicos, “ considerando que é esencial para docentes e persoal investigador fomentar as competencias e o continuo coñecemento deles, incluíndo a innovación, boas prácticas e promoción do talento”.

Tras a sinatura, o reitor da USC, Juan Viaño Rey, considerou que esta declaración era o mellor exemplo “dunha pedra fundamental na dirección correcta”. “Como reitores e representantes institucionais recoñecemos a nosas responsabilidade de formar as mentes dos nosos futuros líderes e de asegurar que continúen dando prioridade á paz, aos dereitos humanos e ao turismo sustentable”, afirmou.

Este acordo tivo lugar no transcurso do foro internacional universitario ‘O valor dos dereitos humanos no Camiño de Santiago: potenciando o poder do turismo para promover o diálogo intercultural e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable’ que reúne en Santiago máis dun centenar de estudantes internacionais e no que participan unha vintena de universidades de 13 países.

A inauguración oficial tivo lugar nun acto no que participaron o reitor da USC, Juan Viaño Rey; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a representante da Organización Mundial do Turismo Addaia Arizmendi; a vicepresidenta do Grupo Compostela de Universidades, Inmaculada Fortanet; e a presidenta de Helsinki España – University Network, Ana Nieto.

Na sesión de apertura, a vicepresidenta do Grupo Compostela de Universidades, Inmaculada Fortanet, explicou que a asociación leva máis de “dúas décadas defendendo a necesidade de unir a educación superior cos valores europeos vencellados ao Camiño de Santiago. Especialmente a solidariedade, o exercicio das liberdades e a defensa do patrimonio cultural común de todas as civilizacións”.

Pola súa banda, a directora de Turismo, Nava Castro, animou a continuar traballando pola preservación dos valores xacobeos e a súa difusión entre os máis novos. “Estes estudantes amosaron novamente que máis Camiño de Santiago quere dicir máis respecto, máis entendemento e polo tanto menos fronteiras”, dixo.

O proxecto O foro deste venres, ao que tamén acudiu o reitor da UDC, Julio Abalde, é a culminación dun proxecto internacional que comezou cunha primeira fase na que estudantes e docentes dunha vintena de universidades completaron unha formación en liña de catro módulos sobre dereitos humanos, turismo, ética, cidadanía global e o seu reflexo no Camiño de Santiago. A continuación, percorreron 100 quilómetros da ruta de peregrinaxe para contrastar os retos de sustentabilidade identificados previamente coa realidade do turismo.

As universidades e institucións que participaron son a Copenhagen Business School (Dinamarca), Universidade de Fordham (Estados Unidos de América), Hospitality Business School Saxion, (Países Baixos), IESIDE Business Institute (España), KU Leuven, (Bélxica), Tulsa Community College (Estados Unidos de América), Universidade da Coruña (España), Universidade Adam Mickiewicz (Polonia), Universidade Complutense de Madrid (España), Universidade Donja Gorica (Montenegro), Universitat Jaume I (España), Universidade de Lima (Perú), Universidade de Minho (Portugal), Universidade de Monterrey (México), Universidade de Oklahoma (Estados Unidos de América), Universidade de Paris 1 Panthéon – Sorbona (Francia), Universidade de Santiago de Compostela (España), Ahfad University for Women (Sudán) e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Consello de Europa (Luxemburgo).

Patrocinadores e colaboradores Para facer realidade este proxecto foi necesaria a colaboración de diferentes colaboradores institucionais e empresariais, como a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, Deputación de Pontevedra, Gas Natural Fenosa, Deputación de Lugo, Parlamento de Galicia, Consorcio de Santiago de Compostela, CORREOS, Erasmus Compostela, Goldcar, a Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, e TYSGAL – Territorio e Sustentabilidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2018.