A violencia contra as mulleres en tempos da COVID-19, obxecto de análise nunha xornada impulsada polo CIFEX

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC pon o foco este xoves en como o confinamento da poboación en España por mor da COVID-19 podería xerar consecuencias especialmente negativas no relativo á violencia contra as mulleres. Baixo esta premisa, as XII Xornadas de Formación e IV Xornadas Internacionais Educación, Xénero e Igualdade, desenvolvidas en liña, abordan “a sobrecarga constante das tarefas do coidado aínda máis acusadas para o grupo das mulleres, que xa cargan cunha sobrecarga histórico-tradicional vinculada ao seu rol e identidade de xénero”, apuntan dende a organización.
“Unha repartición máis equitativa ao desenvolver de forma conxunta as tarefas profesionais e de coidado no domicilio por parte dos proxenitores podería favorecer, en definitiva, unha maior conciliación nas tarefas do coidado familiar e a implicación dos homes nestas tarefas, con todo, ao contrario parece que con esta situación aumentaron as diferentes situacións e as múltiples formas de violencia contra as mulleres”, sinalan dende o CIFEX.
Programa
O relatorio ‘A construción social do traballo de coidado remunerado e o seu significado na época da crise da COVID-19’ a cargo de Constanza Tobío Soler da Universidade Carlos III de Madrid, abriu unha xornada na que se desenvolveu unha mesa de debate sobre as novas formas de violencia contra as mulleres no marco da emerxencia sanitaria que se está a vivir.
Xa en quenda de tarde, a mesa redonda ‘Coidado, conciliación, corresponsabilidade e novas identidades de xénero na actualidade do coronavirus’, xunto co obradoiro ‘Violencia sexista contra as mulleres e escenario de prostitución na actualidade’ completan o programa da sesión. Rita Radl Philipp, directora do CIFEX, é a responsable de clausurar a xornada.