A violencia de xénero, a análise exhaustiva na USC
Os aspectos médico-legais e xurídico-penais da violencia de xénero centrarán o 23 de setembro unha xornada organizada conxuntamente polo Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC, o Instituto universitario de Criminoloxía e o Colexio de Avogados de Santiago.
De inscrición gratuíta –aínda aberta- e dirixido por María Sol Rodríguez Calvo e Fernando Vázquez-Portomeñe, o curso desenvolverase na sede do Colexio de Avogados de Santiago. A Lei Orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero e a rehabilitación do maltratador son as cuestións a tratar na xornada polos catedráticos de Dereito das Universidades Rovira i Virgili e de Valencia, Gonzalo Quintero e Enrique Orts, respectivamente. A xornada contempla ademais tres mesas de debate. Na primeira tratarase a situación actual da avaliación forense da violencia contra a muller, a pericia médico-legal na vítima e no agresor e importancia da valoración do dano psíquico nas vítimas. Na primeira mesa da tarde presentarase un avance de resultados dos estudos médico-legal e xurídico-penal realizados na USC sobre casos de violencia de xénero en Galicia. Por último, no último debate analizaranse os problemas de aplicación dos delitos de violencia de xénero.