Ir o contido principal

Violín, clarinete e canto no concerto deste mércores do Ciclo de Novos Intérpretes

A décimo quinta edición do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica chega ao seu ecuador cun concerto, o sexto, que terá lugar este mércores 13 ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade e no que o violín, o clarinete e o canto comparten protagonismo. A entrada é libre e gratuíta. O recital comezará coa actuación da soprano Cristina López Fraga, inqueda música que antes de dedicar os seus estudos ao canto formouse no Conservatorio Profesional de Culleredo na especialidade de frauta traveseira. O seu variado programa inclúe cancións de Toldrá, Poulenc, Schubert e do galego Chané xunto a arias da ópera de Haendel Xullo César e unha cantata de Bach. Estará acompañada ao piano polo director do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. O clarinetista compostelán José Luis Relova será o protagonista da segunda parte do concerto. Alumno do Conservatorio Profesional de Música desta cidade baixo a tutela de Saúl Canosa, o seu programa o conforman dúas obras para clarinete só (a Rapsodia do compositor e clarinetista italiano Giacomo Miluccio e un dos homenaxes para clarinete que escribiu o húngaro Béla Kovács, neste caso o dedicado a Falla) e a fermosa e interesante Sonata para clarinete e piano do francés Francis Poulenc (na que o acompañará ao piano a xaponesa afincada en Compostela Erico Ishimoto). Para rematar, a terceira parte do programa corresponderalle á violinista portuguesa Angela Neto, licenciada no Conservatorio Superior de Música de Vigo e alumna nos dous últimos anos do Master de Especialización Orquestral que en Santiago organiza a Escola de Altos Estudos Musicais. Interpretará obras de Mozart e Brahms na compaña da pianista búlgara, tamén residente en Compostela, Simona Velikova. Concerto do 18

A próxima cita será o luns 18 de febreiro, á mesma hora e lugar, coa participación do clarinetista Alberto Aneiros Vilariño e o quinteto de ventos Arts Ensemble formado polo frautista Víctor Loarces Velasco, a fagotista Hae Won Oh, o clarinetista Javier González Blanco, a óboe Isabel Bermejo Chicano e o trompa Marcos Cruz Pardeiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2013.