O violoncellista Carlos García e o pianista Fernando Buide ofrecen o martes 28 un concerto na Casa do Saber de Lugo

O violoncellista Carlos García Amigo e o pianista Fernando Buide del Real ofrecerán o vindeiro martes, día 28 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, un concerto no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo.
Carlos García e Fernando Buide, que protagonizarán a terceira das actuacións previstas no ciclo ‘Sonatas para violoncello e piano de Beethoven’, interpretarán na súa actuación a ‘Sonata para violonchelo e piano nº2 op.69’, de Beethoven, así como as 12 variacións sobre un tema do Xudas Macabeo, composto por Haendel. Este concerto de música de cámara, que tamén forma parte da programación musical deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, financiado pola USC, Concello e Deputación de Lugo, comezará as 20.00 horas. A entrada será de balde ata completar o aforo, que está limitado a unhas 100 persoas. O violoncellista Carlos García Amigo, nado no seo dunha familia de gran tradición musical, comezou a súa formación musical en Galicia para logo licenciarse na especialidade de Violonchelo no Real Conservatorio da Haia. Membro da Real Philarmonía de Galicia desde 2001, García Amigo é fundador do cuarteto de violoncellos Ghelicia e membro fundador da Asociación de Violoncellistas de Galicia (Soncello). Fernando Buide del Real, doutor pola Universidade de Yale, iniciou a súa formación como pianista nos conservatorios de Santiago e de Oviedo, ao tempo que tamén estudou na Universidade Caneirge Mellon de Pittsburgh. Como pianista, Buide del Real ten actuado en países como Rusia, italia, Inglaterra ou Estados Unidos, e a súa música foi programada por formacións como a Sinfónica de Pittsburgh, Filharmónica de Minnesota, Filharmónica de Yale ou a Joven Orquesta Nacional de España. Fernando Buide del Real, pianista. Foto: Xaime Cortizo