O violoncellista Iago Domínguez, acompañado de Eriko Ishimoto ao piano, ofrecen este mércores un concerto na Casa do Saber

O violoncellista Iago Domínguez e a pianista Eriko Ishimoto ofrecerán este mércores 27, a partir das 20.30 horas, un concerto no auditorio da Casa do Saber, o escenario no que ofrecerán un repertorio que inclúe composicións de Sergei Prokofiev e Camile Saint-Saëns.
A Sonata para violonchelo e piano en Do Maior, Op.119, de S. Prokofiev, abrirá o programa do concerto, que é de entrada libre e de balde para todo o público interesado. Ao remate desta peza e logo dunha breve pausa, Domínguez e Ishimoto interpretarán varias das composicións do Concerto para violoncello nº1 en La menor, Op33, de Saint-Saëns. Nado en Santiago de Compostela en 1995, Iago Domínguez, comeza os seus estudos de música á idade de cinco anos na escola Berenguela e, posteriormente, no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Desde os 11 anos pasa a estudar baixo a tutela de Bárbara Switalska, con quen estivo por un período de 7 anos. Recibiu ademais clases de músicos como Sol Gabetta, Ivan Monighetti, Johannes Moser, Asier Polo, Rouslana Prokopenko, Daniel Müller Schott e Lluis Claret. No ámbito camerístico recibiu clases do Emerson Quartet, Sergio Azzollini, Felix Renggli, Anton Kernjak e Alexander Gold. Iago Domínguez consegue en 2007 o Premio Honorífico no Concurso Internacional David Russell para xoves talentos e grava o seu primeiro CD coa Radio Galega. Recén este ano logrou acadar as semifinais no concurso internacional de violonchelo Antonio Janigro 2016, que tivo lugar en Zagreb, Croacia. En 2012 foi convidado pola Fundación Vladímir Spivakov a participar no “Moscow Meets Friends Festival” celebrado en Moscú. En setembro de 2012, no marco do II Encontro Internacional “Peregrinos Musicais” debuta coa Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Santiago de Compostela, interpretando o concerto en Do Maior de J. Haydn. Foi membro da Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia desde marzo de 2012. Nada en Xapón en 1968, Eriko Ishimoto cursou estuos de piano desde 1983 ata 1990 na escola Toho Gakuen de Tokio co profesor H. Hayashi, graduándose en marzo de 1990. No 1991 ingresa na Listz Academy of Music de Budapest para estudar co profesor G. Nador. En 1995 recibe unha bolsa do goberno húngaro. No 1996 trasládase ao Groninger Conservatory de Holanda onde recibe clases de Gold Makarov, diplomándose en 1998. Ishimoto ten participado en varios concursos de piano nos que obtivo varios premios, entre os que cómpre subliñar o 2º premio no concurso de estudiantes da área de Tokio (1985); o Diploma especial no Concurso Internacional V. Bellini en Caltanissetta, Italia (1985); 2º premio no Concurso Internacional Città di Mazara del Vallo, Italia (1996); 1º premio no Concurso F.M. Classics de Amsterdam (1997); Premio Schubert no Concurso Internacional Viotti-Valsesia, en Varallo, Italia (1997) ou o 3º premio no Concurso Internacional A.M.A. Calabria en Lamezia Terme, Italia (1999). No ano 2000 fixo a súa presentación como solista coa Orquestra Noord Nederlands de Groningen (Holanda). Na actualidade compaxina a docencia coa súa actividade como concertista e pianista acompañante.