A violoncellista Milagros García Fuentes gaña a primeira edición do Premio USC-Soncello

A violoncellista Milagros García Fuentes protagonizará o próximo 26 de novembro no Paraninfo da Universidade o cuarto e último concerto do Ciclo das Sonatas para violoncello de Beethoven. Nesta oportunidade escénica, que se repetirá a comezos de 2014 en Lugo, consiste o premio USC-Soncello que se acaba de fallar na súa primeira edición. Milagros García e o resto das persoas que concorrían ao galardón tiveron que presentar unha gravación co primeiro e segundo movemento da Sonata op.5 nº 1 en fa maior de Beethoven (adagio sostenuto e allegro). Da preselección realizada con este material xurdiu o grupo de finalistas que o pasado día 14 participaron na audición final con Carlos Villanueva, Thomas Piel, Mario Diz e Carlos García Amigo como xurado. A gañadora estivo acompañada pola súa pianista Alicia González Permuy. Convocado pola Universidade de Santiago e a Asociación de Violoncellistas de Galicia ‘Soncello’ , o certame diríxese a violonchelistas de entre 18 e 30 anos nacidos/as ou residentes en Galicia. O premio único consiste na participación no ciclo ‘Música para violonchelo e piano de Beethoven’ da USC que terá lugar entre os meses de outubro e decembro deste ano con catro concertos nos que se presentarán cinco sonatas e tres grupos de variacións. No cuarto concerto deste ciclo, Milagros García interpretará en calidade de solista doce variacións en fa maior op.66 da Frauta máxica, así como a Sonata op. 5 nº1 e un peza libre a escoller entre as dúas sonatas de J. Brahms ou unha suite para cello só de J.S. Bach. Cada un dos catro concertos conleva unha breve introdución de cariz didáctico na que os/as intérpretes explican as motivacións que os/as levaron a facer esa escolla de programa e os motivos polos que consideran que as pezas enfatizan as obras de Beethoven. A violoncellista Milagros García (á esquerda) coa pianista Alicia González Permuy. Foto: Xaime Cortizo