Ir o contido principal

A violonchelista Carolina Landriscini e a pianista Laura Díaz Pérez ofrecen este mércores un concerto na Casa do Saber

Carolina Landriscini, co seu violonchello
Carolina Landriscini, co seu violonchello
As profesoras do Conservatorio Superior de Música da Coruña interpretarán pezas populares de Schumann, dúas sonatas de Beethoven e unha rapsodia de Ginastera

A violonchelista Carlonia Landriscini e a pianista Laura Díaz Pérez ofrecerán este mércores, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o segundo dos catro concertos previstos no ciclo ‘Sonatas para violonchelo e piano de Beethoven’, integrado no programa ‘Músicas a carón da Mosqueira 2013-2014’, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Landriscini e Díaz Pérez contan xa cunha ampla traxectoria como concertistas, tanto de xeito individual como de forma conxunta. De feito, ademais de coincidir como docentes no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Landriscini e Díaz Pérez teñen ofrecidos diversos concertos en Galicia baixo o formato de recital. O concerto programado este mércores na Casa do Saber de Lugo comezará coa interpretación dunha composición de Schumann, concretamente a obra ‘5 pezas en estilo popular Op.102’, á que seguirá a ‘ Sonata en do maior Op.102 nº1’, de Beethoven. Estas dúas composicións centrarán a primeira parte do repertorio ofrecido por Landriscini e Laura Díaz, que, xa no segundo acto do concerto, interpretarán a ‘Sonata en re maior Op.102 nº 2’, de Beethoven, para logo rematar a súa actuación coa rapsodia para violonchelo ‘Pampeana nº 2, op. 21’, do compositor arxentino Alberto Ginastera. O concerto de Landriscini e Laura Díaz Pérez é de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado. A entrada está limitada pola propia capacidade do auditorio da Casa do Saber, que dispón dun aforo aproximado de 100 butacas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2013.