Ir o contido principal

'Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)' pon fin á programación de cursos de verán da USC

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007. O curso, que comeza este mércores 12, inclúe tres concertos sobre a canción galega, o piano galego romántico e de vangarda e sobre lembranzas corais

Expertos das tres universidades galegas, da Complutense de Madrid, da Universitat de Barcelona e do CSIC participarán no curso de verán da USC ‘Visións de Galiza no centenario de Pascual Veiga (1842-1906)’, cofinanciado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e co que remata a programación destes cursos da USC. O encontro celebrarase na Facultade de Xeografía e Historia a partir deste mércores 12 e ata o próximo día 14 baixo a dirección do profesor Carlos Villanueva.
O programa científico destas xornadas completarase con tres concertos abertos ao público en xeral nos que se dará conta da canción galega e o piano galego romántico e de vangarda, para rematar cun sobre lembranzas corais.
O programa do curso inaugurarase oficialmente no Paraninfo da Universidade ás 9:30 horas. Deseguido, o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro pronunciará a conferencia inaugural do curso que leva por título ‘Eduardo Pondal e a problemática textual do Himno Galego’. Seguiralle ás 12:00 horas o relatorio do docente da USC Carlos Villanueva cunha intervención sobre ‘O cancioneiro de Galicia, de Torner & Bal: un modelo para o rexeneracionismo’.
O programa proseguirá as 16:30 horas, coa presenza da musicóloga e asesora da Consellaría de Educación Rosa María Fernández para falar sobre ‘Problemas musicolóxicos na obra de Pascual Veiga: o Himno Galego’. A quenda de intervencións deste primeiro día do curso rematará coa celebración dunha táboa redonda baixo o lema ‘O debate dos símbolos: a recepción do Himno Galego'.
Completando a primeira xornada deste curso Teresa Novoa (soprano) e Alejo Amoedo (piano) ofrecerán o primeiro dos tres concertos previstos dentro deste curso de verán. O concerto comezará ás 20:30 horas na Igrexa da Universidade sobre a canción galega.
‘Alén da morriña: Música, identidade e sociabilidade entre os emigrantes galegos da Arxentina no período 1880-1940’ será o tema do relatorio que iniciará a segunda xornada do curso. Ao longo do día 13 as intervencións afondarán na relación entre coralismo e nacionalismo e no significado do modelo Aires da Terra, de Perfecto Feijoo. A segunda mesa redonda estará dedicada ao uso e abuso da tradición na construción da identidade nunha sesión que inclúe ademais o concerto ‘O piano galego romántico e de vangarda’, da man de Alicia González Permuy.
Na derradeira sesión do curso de verán, a quenda de intervencións dirixiranse á análise do enxebrismo e o tío Marcos da Portela como arquetipo fundacional e funcional da literatura vernácula e da cultura popular galega, da creación da Academia Galega, de Pardo Bazán e a música, e un último relatorio sobre perfís de Galicia dende a vangarda e máis concretamente o de Jesús Bal y Gay. O curso pecharase co concerto ‘Lembranzas corais’ a cargo da Coral El Eco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2007.