Visita á ampliación da Facultade de Ciencias
O reitor en funcións Senén Barro visitou este mércores 23 as obras correspondentes ao novo edificio que amplía a Facultade de Ciencias, unha intervención arquitectónica que forma parte das actuacións contempladas no Proxecto Campus de Lugo 2015. Este módulo de ampliación, cuxa entrega está prevista para o vindeiro mes de xullo, ten unha extensión de case 4.000 metros cadrados que se distribúen en cinco plantas cunha cuberta vexetal curva que cumpre a función de illante térmico e que reduce o impacto ambiental. Trátase dun edificio enfocado á investigación, cunha primeira planta dotada con 20 laboratorios, almacén e sala de neveiras e conxelación. No segundo nivel atópanse outros 4 laboratorios aos que se suman outros oito docentes na planta superior. No nivel de acceso do bloque atópanse a conserxería, a sala de reunións e o seminario.
Na visita ás obras Senén Barro, estivo acompañado do arquitecto Alfonso Penelas, e dos vicerreitores de Economía, Financiamento e Infraestruturas e de Coordinación do Campus de Lugo, Miguel A. Vázquez Taín e Carlos Herrero, respectivamente. Ademais, tamén estiveron presentes Marta Miranda e Begoña Barreiro, adxuntas de Infraestruturas e Servizos e de Oferta e Xestión Académicas; o vicedecano do centro, José Manuel Martínez Ageitos; a vicerreitora electa de Economía, Sara Cantorna, e representantes da empresa construtora FCC.