Ir o contido principal

Visita a Santiago do ministro da Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal

O ministro da Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal, Manuel Heitor, visitou este venres o Hospital Clínico Universitario de Santiago e participou nunha xornada na que se lle deu a coñecer a actividade do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago no que participa a USC.

Nesa xuntanza, que presidiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, participaron o reitor da USC, Juan Viaño; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco José Conde López; o xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde Remeseiro; o director científico do IDIS, José Castillo, que presentou os aspectos científicos da colaboración IDIS-INL (Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía emprazado en Braga); e o director do Grupo de Investigación, Magnetismo e Nanotecnoloxía do IDIS e catedrático da USC, José Rivas, que resaltou a traxectoria de colaboración que manteñen desde 2013 o Sergas e a USC co INL, desenvolvendo con éxito un intenso traballo que cristalizou na consecución de dous proxectos de investigación de financiamento nacional e rexional e dos proxectos de ámbito europeo (H2020).

No acto, o reitor compostelán destacou que o binomio investigador USC-Complexo Hospitalario é un dos eixos centrais do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida e que se fai visible no IDIS, “constituído xa como un foco de excelencia científica e académica e un referente nacional na investigación biomédica”. Para Viaño, o IDIS, “ademais de ser a marca coa que Campus Vida compite no contorno no que prima o valor do concepto de traslacionalidade na investigación en saúde, está sendo esencial para a integración de novas capacidades e para que a colaboración interdisplinar de excelencia se proxecte nos procesos de innovación sanitaria”. Lembrou, por exemplo, a colaboración de investigadores clínicos e nanotecnólogos que están xerando unha especialización competitiva en nanomedicina, a aplicada a novos procesos diagnósticos, no desenvolvemento de novos fármacos ou no deseño de novos sistemas de biodisposición.

Salientou ademais o conxunto de capacidades e grandes infraestruturas especializadas que oferta o biocluster que conforma a USC co IDIS e o CHUS, nomeando especialmente o CEBEGA, un gran centro de Bioloxía Experimental, e a plataforma de Desenvolvemento e Valorización Temperá de Fármacos, Innopharma.

O reitor rematou a súa intervención mostrando a vontade de continuar a ser “un gran socio e aliado da ciencia e a tecnoloxía portuguesa para construír xuntos capacidades competitivas para o noso tecido económico e social da eurorrexión que compartimos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2016.