Visita virtual pola mostra 'Epidemias nun mundo conectado'
Comprender a actual problemática do novo virus SARS-CoV-2 dende unha perspectiva histórica e dentro do marco global das pandemias é unha das finalidades da mostra 'Epidemias nun mundo conectado', impulsada dende o Museo de Historia Natural (MHN) da USC. Esta exposición pola que pode realizarse un percorrido virtual, explica como os factores humanos, animais e ambientais contribúen á expansión dos brotes epidémicos nun mundo globalizado, onde os axentes infecciosos se moven libremente entre fronteiras.
O 12 de decembro de 2019, case simultaneamente coa detección do primeiro caso da COVID-19 en China, o MHN inauguraba a exposición 'Outbreak: Epidemics in a connected World' (Abrochos: Epidemias nun mundo conectado). Esta mostra foi realizada en conmemoración do centenario da gripe española e responde á grande preocupación amosada polos científicos e organizacións sanitarias mundiais, polo enorme perigo potencial de novos brotes epidémicos nun mundo tan globalizado. Apenas tres meses despois da súa inauguración, o 11 de marzo, a OMS declarou unha nova pandemia, orixinada polo SARS-CoV-2, coas consecuencias xa coñecidas.
O Museo quere facilitar agora aos cidadáns o acceso virtual aos contidos desta exposición para que poidan ser visitados a través da súa web e das súas redes. Os contidos intentan achegar a cidadanía á importancia da investigación en microbioloxía a través dunha linguaxe moi sinxela.
A exposición estivo organizada orixinariamente polo Smithsonian National Museum of Natural History de Washington, en colaboración con diversas entidades internacionais. Contou asemade coa financiación da American Society for Microbiology, a través do seu programa de Embaixadores Internacionais, e a colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a propia USC.