Vixían 30 estacións de augas residuais repartidas por toda España na procura de material xenético do SARS-CoV-2
Vixiar periodicamente a concentración do material xenético do virus SARS-CoV-2 na entrada de 30 estacións de augas residuais repartidas por toda España, é a finalidade do proxecto que acaba de impulsar o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Os científicos da USC Jesús L. Romalde e David Polo, do equipo de traballo en Viroloxía Ambiental do grupo en Patoloxía da Acuicultura toman parte nesta investigación.
“Diferentes estudos de varios países, incluída España, demostraron que o material xenético do SARS-CoV-2 pode ser detectado en augas residuais antes do ingreso de pacientes da COVID-19 nos hospitais, o que indica que estas augas poden constituír un sistema de alerta temperá efectivo para a detección de posibles brotes, así como para a toma de decisións dende o punto de vista da saúde pública”, explica o profesor Romalde. Neste proxecto tamén participan científicos da Universidade de Barcelona e do CSIC.
A vixilancia da concentración do material xenético nas 30 estacións de augas residuais complementa diversos proxectos xa en desenvolvemento por parte das Comunidades Autónomas e as Entidades Locais. “Proponse asemade establecer unha plataforma de intercambio de información sobre as actividades de seguimento a nivel estatal e rexional que permita compartir os datos e contribúa a un sistema de alerta temperá para a detección precoz do SARS- CoV-2 en España”, continúa Romalde.
Criterios de selección
A selección das localizacións das estacións de depuración realizouse tomando en consideración a distribución xeográfica e a relación con outros municipios debido á mobilidade das persoas; a incidencia previa da COVID-19, con maior influencia en poboacións grandes e con interaccións importantes dentro delas; a representatividade de diferentes tipos de poboación; a coordinación cos proxectos en execución polas Comunidades Autónomas e Entidades Locais; así como outros criterios como a representatividade xeográfica e climatolóxica.
Outras colaboracións
Romalde e Polo colaboran tamén noutros proxectos internacionais co Reino Unido, como o financiado polo Engineering and Physical Science Council (EPSRC) xunto á universidade de Newcastle, Northumbrian Waters and Labaqua de SUEZ Corporation, ou o financiado polo Natural Environment Research Council (NERC).