Un volume homenaxe lembra a figura de Jesús García Calvo

O Paraninfo da Universidade é testemuña este venres 4 da presentación dun libro homenaxe a Jesús García Calvo, quen fora presidente de honra e fundador da Sociedade Cooperativa Galega Feiraco e o segundo presidente do Consello Social da USC entre 1997 e 2003. Asisten o reitor Juan Casares; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente e o director xeral de Feiraco, José L. Antuña e José S. Montes Pérez, respectivamente; e a filla do homenaxeado, Charo García López. Ademais o acto conta coa intervención do director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Melchor Fernández; e do prologuista do volume, Amancio Liñares Giraut. A obra que se presenta recolle boa parte do pensamento de García Calvo, que “mesmamente podería constituír escola por estar apoiada no seu traballo persoal de investigación a pé de campo, contrastada coa experiencia que dan os proxectos executados e as dificultades encontradas, así como a intensidade da súa dedicación temporal”. En conxunto, o volume “fai memoria perpetua dun home dos ‘bos e xenerosos’ que sentiron e enxalzaron os valores da nosa terra”. As preto de 400 páxinas a través das que se estende, aluden ao pensamento do homenaxeado, a súa implicación e iniciativas no desenvolvemento comarcal e ás celebracións e recoñecementos dos que foi merecedor. No capítulo de testemuñas asinan achegas individuais expertos universitarios como Lourenzo Fernández cun capítulo dedicado á cooperativa fundada por García Calvo baixo o título ‘Pragmatismo agrario e negación do retraso. O tempo de Feiraco’; Carlos Ferrás cunha reflexión sobre o futuro da agricultura familiar na Galicia rural; Manuel Jordán ensalzando a figura do homenaxeado como construtor de utopías; Edelmiro López cunha análise das intensas mudanzas no sector agrario en o medio rural galego ao longo do último medio século; e Darío Villanueva, reitor da USC en boa parte do período de presidencia do homenaxeado. García Calvo foi o segundo presidente do Consello Social da Universidade de Santiago tomando o relevo de Emilio Pérez Nieto. Como sinala o reitor compostelán, García Calvo foi o presidente capaz de recoller a liña de traballo marcada polo seu antecesor e de acentuar a mirada naqueles feitos que fortalecían e agrandaban o sentido da Universidade pública ao servizo do desenvolvemento científico, económico e cultural do país. Tocáronlle tempos nos que se fixeron grandes cambios normativos, cambios na estrutura do Sistema Universitario de Galicia, cambios tamén no modo de gobernanza da Universidade.