O voluntariado en positivo, tema central da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado no Campus de Lugo

O Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) do Campus de Lugo conmemora o martes 4 de decembro o Día Internacional do Voluntariado cunha serie de actos que teñen como elemento en común a perspectiva do “voluntariado en positivo” e que comezan ás 17.00 horas na Biblioteca Nodal (Avda. Ramón Ferreiro) coa lectura dun manifesto e dun poema de Gloria Furtes en homenaxe ás persoas que dedican parte do seu tempo a labores de non remuneradas de carácter social ou humanitario.
A continuación terá lugar unha charla-debate na que interveñen Xosé Cuns, coñecido activista na loita contra a pobreza e a exclusión social en España, así como como na cooperación para o desenvolvemento, e autor do blog No me pidan calma; e Iago Pérez Santalla, educador social, experto en coaching, formador en actividades educativas e autor de varias publicacións como O ilímite de pensarte libre ou O ilímite do potencial humano.
Rede Lucense de Voluntariado
Esta celebración do Día Internacional do Voluntariado no Campus de Lugo forma parte das actividades da Rede Lucense de Voluntariado, un proxecto que naceu no ano 2007 e que ten como misión, en palabras de Fátima Teixeiro (responsable da SEPIU no Campus de Lugo) “fortalecer o voluntariado mediante accións que se sustentan nos principios da cooperación e coordinación dentro dun marco da confianza e respecto entre entidades”.
Ademais da USC, na actualidade constitúen esta Rede a Asociación Xuvenil Ateibo, Aspnais - Asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual, Auxilia Lugo, Cáritas Diocesana de Lugo, Cogami-Lugo, Asociación Down Lugo e a Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Xitano.