Volve o Club de lectura @Nas Marxes

A Biblioteca Concepción Arenal e a Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación retoman a partir do 25 de marzo o club de lectura universitaria @Nas Marxes. A obra que abre esta nova etapa é El asalto a la cultura de Stewart Home e que traza unha narrativa alternativa á cultura dominante e presenta os distintos movementos da contracultura e as vangardas ao longo do século XX sen desbotar as súas raíces.
O club de lectura @Nas Marxes naceu do desexo da Biblioteca de fomentar a lectura na contorna universitaria e está conformado por integrantes da comunidade universitaria da USC, que len o mesmo libro ao mesmo tempo para, no último venres de cada mes, participar en sesións de aproximadamente dúas horas de duración e comentalo.
“Dentro dos nosos obxectivos está o de crear debate e pensamento arredor do que está a acontecer no mundo coa intención de que pasen polas nosas mans obras de forte calado, traballando principalmente o ensaio”, apuntan os seus impulsores. As persoas interesadas en participar poden apuntarse na Biblioteca Concepción Arenal ou no enderezo derprest [at] usc.es (derprest[at]usc[dot]es) co único requisito de pertencer á comunidade universitaria da USC. As prazas están limitadas a un máximo de sete persoas.