Volve a masterclass do IGFAE para rapazas polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Tras o parón en 2021 pola crise sanitaria, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, organiza a terceira edición da Masterclass de Física de Partículas dirixida ás alumnas de bacharelato o próximo venres 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A masterclass terá lugar na Facultade de Matemáticas e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e ten por obxectivo promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico. Na última edición, 40 estudantes participaron nesta xornada promovida polo CERN e o Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas. As inscricións xa están abertas para dúas estudantes de 1º de Bacharelato de cada instituto ata completar capacidade no seguinte formulario ata as 23:59 do luns 24 de xaneiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada.
Na masterclass impartiranse unha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual. Ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións das alumnas‒ mediante videoconferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada simultaneamente. Tamén farase unha pequena charla-coloquio de historias invisibilizadas de mulleres científicas que supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras ás que tiveron (e teñen) que facer fronte ao longo da carreira científica.
Os obxectivos da actividade son, por unha banda, acercar as alumnas de bacharelato ao traballo das investigadoras do instituto, visibilizando así o labor científico levado a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar.