Volve a música á Vidreira de Veterinaria cun cuarteto de corda do Conservatorio Profesional de Lugo
O Conservatorio profesional de Música de Lugo será o protagonista da vindeira sesión de ‘ Músicas na Vidreira’ que terá lugar este luns 14 de marzo na vidreira da Facultade de Veterinaria ás 14:00 horas. Un cuarteto de corda formado por Lucía Fouz ao violín, Saúl Castro, tamén intérprete deste instrumento, Paula Barreal López á viola e Altea Piñeiro ao cello, será o encargado de amenizar os 20 minutos de música neste singular emprazamento do Campus. Os alumnos do conservatorio tocarán tres pezas, empezando por Quatro momentos, de Ernani Aguiar, continuando con Hey Jude, de Lenon e McCartney e rematando con Piratas del Caribe, de Hans Zimmer e Klaus Baldelt. As actividades que comprende o ciclo Músicas na Vidreira forman parte á súa vez do programa Lugo Cultural, promovido pola USC, Concello de Lugo, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Novacaixagalicia, sendo xestionado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade.