Volven as observacións nocturnas do ceo de Compostela dende o Gaiás

As Visitas Astronómicas volven este verán da man da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Durante os sábados do verán realizaranse sesións de observación astronómica –de balde aínda que con inscrición previa– dirixidas a un público familiar.
A través de telescopios e prismáticos e seguindo as explicacións técnicas de monitores, as persoas asistentes observarán a lúa, os planetas, estrelas dobres ou nebulosas, aprendendo ademais, valéndose dun planisferio, a identificar as constelacións á primeira ollada.
O programa alóngase durante todo o verán cun total de dez sesións que se desenvolverán as noites dos sábados ata o 15 de setembro –agás o 28 de xullo e o 25 de agosto–. Prográmase ademais unha sesión extraordinaria para a noite do domingo 12 de agosto, coincidindo coa Noite das Perseidas. Se o tempo acompaña, as ‘bágoas de San Lourenzo’ poderán observarse desde o Gaiás nunhas óptimas condicións de visibilidade, con mínima contaminación lumínica.
A través do web http://www.cidadedacultura.gal está aberta a inscrición nas sesións de xullo e agosto, para as que quedan xa poucas prazas. Dado o grande interese que esperta esta actividade, o luns previo a cada unha das sesións abrirase a inscrición para 25 prazas adicionais nesa mesma quenda semanal. Ademais, o 6 de agosto abrirase a inscrición para as quendas de setembro –aínda non dispoñible–.
Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.