Ir o contido principal

Volven as xornadas ‘Linguas e educación en Galicia’

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a finais de mes as II Xornadas ‘Linguas e educación en Galicia. A planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios’, destinadas principalmente a PDI e alumnado das titulacións impartidas no centro convocante. O prazo de matrícula remata o 23 de novembro. Previstas para os días 26 e 27, nas xornadas valorarase a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e reflexionarase sobre o papel dos profesionais da docencia na planificación lingüística escolar. Aproveitarase ademais para profundar en experiencias reais de planificación lingüística escolar nos diferentes niveis educativos e en contextos diversos, como a das liñas de galego en educación infantil. Nos dous días que dura o encontro intervirán expertos e profesionais universitarios e de centros de ensino secundario de toda Galicia así como inspectores de ensino ou asociacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2010.