Ir o contido principal

Como a web 2.0 pode mudar o concepto de cidade dixital

As xornadas SINDUR celébranse este mércores 26 de xaneiro baixo o lema ‘Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada. Impulsando a Intelixencia Social en Santiago de Compostela a partir das TIC’

Existe un novo concepto de ‘cidade aumentada’ que impulsa a difusión de produtos territoriais ou empresas locais a través de redes sociais e a Internet, promovendo o desenvolvemento económico e a innovación. Partindo desta idea, o Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (Gist) da USC organiza este mércores 26 as VIII Xornadas SINDUR baixo o lema ‘Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada. Impulsando a Intelixencia Social en Santiago de Compostela a partir das TIC’. O obxectivo é analizar o modo en que se pode superar o concepto de cidade dixital clásica. Para elo, o grupo proponse impulsar un debate crítico e creativo sobre estratexias de mercadotecnia territorial de cidades a partir da web 2.0 e as redes sociais como facebook e outras; tendo presente que todo isto pode promover a creatividade, o emprendedurismo e a innovación na sociedade local. Como apunta os promotores da xornada, trátase de superar a publicidade dos tópicos por unha estratexia de mercadotecnia en liña innovadora para promover e vender a “cidade” e o territorio. De aí da idea de ‘cidade aumentada’, xa que os investigadores profundan no uso de Internet como “un gran lente ou lupa que aumenta a visibilidade da cidade na sociedade local, rexional, nacional e internacional”. As Sindur, desenvolvidas ao amparo do Plan Nacional de I+D+i, celebraranse na Sala Auditorio do centro sociocultural e xuvenil municipal de O Ensanche (Santiago). O profesor Mark Wilson, da Universidade de Michigan (EEUU) abre as xornadas, nas que se inscribiron corenta persoas. O programa conta tamén coa participación das investigadoras da USC Yolanda García, Antía Pose e Mariña Pose, que falarán sobre a innovación e a transferencia de tecnoloxía. A xornada conclúe con un debate, que terá lugar tras a conferencia titulada ‘Innovación e investigación dende o mundo profesional. O caso do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia’, a cargo de Fernando Suárez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.01.2011.