Un workshop amosa as investigacións en enerxía, mecanización e modelización agroforestal desenvolvidas na Escola Politécnica

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC acolle este mércores, a partir das 9.30 horas, a xornada Enermecamodel, un workshop de carácter divulgativo e informativo sobre a actividade, liñas e proxectos de investigación nos que están a traballar os profesores agromados no grupo de investigación GI-1720 Enerxía, Mecanización e Modelización Agroforestal (Enermecamodel).
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta, abrirán o programa deste workshop no marco dun breve acto institucional que se desenvolverá na sala de xuntas do centro universitario lugués A xornada, orientada á participación do estudantado matriculado no centro universitario lugués, pero aberto tamén a todas as persoas interesadas nesta temática, desenvolverase en quenda de mañá, está estruturada en relatorios e táboas redondas. A temática das intervencións é diversa e abrangue desde a xestión de rutas para a recollida de leite e de distribución de pensos, a xestión da madeira de carballo galego como materia prima certificada no actual contexto de mercado europeo, ou o uso da placa Arduino e os deseños electrónicos de baixo custe. O CAD paramétrico, a idoneidade da madeira de Quercus robur L. para a produción de láminas empregadas na fabricación de barricas, sistemas de muxidura ou a metodoloxía ARIMA na predición de temperatura en aloxamentos gandeiros, completan o abano de temas a tratar neste workshop, no que intervirán como relatores Carlos Amiama, Pablo Vila, Miguel Ángel González, Eduardo Zurita, Ignacio Díaz-Maroto, José Manuel Pereira e Juan Antonio Ortega.