Xa está aberta a matrícula dos cursos do Centro de Linguas Modernas

A matrícula nos cursos que organizará o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) xa está aberta para todas as persoas que queiran continuar o estudo dunha lingua estranxeira ou comezar a aprendizaxe doutra nova. Igualmente, tamén se pode formalizar a inscrición no test de nivel para as persoas que decidan comezar estudos e así coñecer os seus coñecementos previos. O vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, e a directora do CLM, Katerina Vlasakova, presentaron a oferta educativa así como as principais novidades da programación de actividades. Xunto eles tamén interveu a profesora da área de Francés Christine García que explicou os detalles dun novo curso de francés orientado especificamente ao turismo e á hostalaría.
As principais novidades da oferta de idiomas da USC para 2016-2017 contemplan a ampliación da oferta dos cursos semestrais de 40 horas de duración + 10 horas de traballo autónomo en alemán, francés, italiano, portugués, catalán, checo, danés e xaponés. Ademais increméntase a ofertas de cursos temáticos, ámbito no que a USC ofertará un curso de inglés oral Speaking Skills B1-B, un curso semestral de inglés B1 de 60 horas, outro intensivo da mesma duración en xuño e un de francés Nivel B1 para turismo e hostalaría, ademais de preparación para as probas DELE e CCSE. Dentro desta mesma programación, o CLM inclúe unha ampla oferta de cursos de español como lingua estranxeira dende os niveles A1, A1+ ata C1, ademais de galego para non galego falantes ou catalán.
Centro examinador
Todas as persoas interesadas en estudar unha lingua da que xa posúan coñecementos previos máis non teñan asignado nivel polos criterios do CLM ou da EOI no último ano, terá que realizar un test de nivel os próximos 13 ou 19 de setembro. Ademais o Centro de Linguas Modernas é o centro examinador para a comunidade universitaria da USC de alemán, inglés, francés, italiano e portugués -en Santiago- e de alemán, inglés, francés e portugués para Lugo.
Como explicou Katerina Vlasakova, o CLM tamén é centro delegado de diferentes entidades de recoñecemento internacional como o Goethe Institut, Instituto Cervantes (para DELE, CSE ou SIELE), Japan Foundation, Università per Stranieri di Siena (CILS) e British Council (APTIS, IELTS). Esta relación permitiralle realizar ao longo de 2016-2017 outras probar para acreditar os niveis de coñecemento de distintos idiomas conforme o MECR, nesta ocasión para para persoas alleas á comunidade universitaria.
Certificacións automatizadas
A directora do centro tamén deu conta da finalización do proceso de posta en marcha do novo sistema de certificación automatizadas acreditadas con selo de órgano e código seguro de verificación conforma a Lei 11/2007. A profesora Vlasakova sinalou que as certificacións están dispoñibles mediante a identificación na plataforma para as probas e cursos acadados dende o ano 2010.
Información
As persoas interesadas en obter máis información sobre os cursos, probas e outras actividades académicas do CLM para este curso están dispoñibles na web e no perfil de Facebook.