Xa está aberto o prazo para participar na primeira edición do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán
O ilustre matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán foi o fío condutor do acto celebrado este luns 24 no Colexio de Fonseca para clausurar a mostra ‘Innovación e Territorio, o legado de Fontán ao Século XXI’, que visitaron preto de 4.500 persoas, e presentar o Premio Bianual de Investigación Histórica ‘Domingo Fontán’. No acto interviñeron os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Cultura da USC, Lourenzo Fernández e Elias Torres, respectivamente; o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Compostela (RSEAP), Juan Bautista de La Salle Barreiro Pérez; o comisario da mostra, José R. Chantada a concelleira de Santiago de Compostela, Rosa Fernández; e o vicepresidente da Fundación Domingo Fontán, César Camargo.
A este premio poderán concorrer traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro de investigación de carácter histórico fundamentado no patrimonio e documentación da RSEAPS ou no período e motivo da creación desta sociedade.
Cunha dotación de 2.000 euros de premio para a obra gañadora así como a súa publicación, á convocatoria poderán presentarse traballo inéditos, coleccións de traballos parciais ou artigos científicos xa editados, sempre que non supoñan unha recopilación. Estarán redactados en calquera das catro linguais oficiais do Estado cunha extensión de entre 75 e 500 folios en Din A-4.
O premio está orientado a persoal investigador, investigadores en formación ou posgraduados, debendo para elo presentar os seus traballos antes do 30 de setembro de 2009 na RSEAPS (Praza Salvador Parga, 4-2º. 15704 Santiago). O ditame da convocatoria darase a coñecer en decembro de 2009 por un xurado que conformarán o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, o decano da Facultade de Xeografía e Historia, o director do Departamento de Historia Económica da USC e o presidente e o secretario da RSEAPS.
Domingo FontánDomingo Fontán é o autor da Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que será a base para a realización do trazado de novas estradas. Na mostra agora pechada no Colexio de Fonseca exhibíase por vez primeira esta mapa.
Feito con criterios científicos, o mapa de Fontán foi unha obra revolucionaria que tivo plena validez durante máis dun século, sendo pioneira ao adiantarse non só ao conxunto do estado español senón tamén a moitos países europeos. Como novidade na súa elaboración, Domingo Fontán botou man do traballo de campo e do uso do procedemento de triangulación, ata ese momento so empregado na cartografía marítima, que forneceron de exactitude o resultado final.