Ir o contido principal

Xa se coñece a oferta de cursos dos Espazos de Fotografía da USC para este curso

Xa se coñece a oferta de cursos dos Espazos de Fotografía da USC para este curso
Xa se coñece a oferta de cursos dos Espazos de Fotografía da USC para este curso

Os Espazos de Fotografía da Universidade de Santiago teñen pechada xa a súa programación para este curso. Se no Campus de Lugo a inscrición xa pode formalizarse, no de Santiago -baixo a dirección de Fuco Reyes- o prazo abrirase o 20 de setembro. O alumnado de grao que realice varios destes cursos cumprindo debidamente coa asistencia (80% das horas lectivas) poderá recibir 1 crédito ECTS por cada 25 horas.

A programación en Compostela comezará coa celebración en outubro dun curso de iniciación á fotografía, que terá continuidade noutros dous sobre técnica e composición a desenvolver nos meses seguintes. Este conxunto completarase con outros catro programas que arrancarán en 2019 e que tratarán a fotografía dende a súa orixe ata o tempo actual, a análise e procesado das imaxes, a creación (series e proxectos) e a iluminación.

Lugo No Campus de Lugo este ano amplíase a programación das actividades ofertadas polo seu Espazo de Fotografía. Á oferta xa tradicional dos módulos de fotografía analóxica e dixital, impartidos por Eduardo Ochoa e Fernando Gago, respectivamente, súmanse outros de fotografía con móbil e introdución á fotografía creativa dirixidos por Sabela Eiriz, un módulo de fotografía de rúa e social e outro de divulgación científica e elaboración de material didáctico desde o audiovisual.

Por outra banda, o Maratón Fotográfico do Campus Terra da USC chega este ano á súa edición número 24, unha cita que se desenvolverá o martes 25 de setembro. As persoas interesadas en tomar parte neste certame fotográfico, dotado con 600 euros de premios en metálico para os autores das fotografías máis valoradas, ademais de diploma e trofeo, poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 24 de setembro a través dos números de teléfono 982 821 511 e 982 821 513.

Tamén se pode solicitar máis información respecto do XXIV Maratón Fotográfico ou de calquera das actividades programadas no marco do Espazo de Fotografía de Lugo a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2018.