Xa hai equipo gañador da primeira edición dos Desafíos empresariais con perspectiva de xénero

Un total de tres grupos alcanzaron a fase final do programa de Desafíos empresariais con perspectiva de xénero, unha convocatoria dirixida a alumnado universitario da USC para que achegara repostas con aval científico e académico a desafíos concretos formulados dende a empresa. Na súa primeira convocatoria o programa tivo como protagonista por parte da contorna empresarial ao grupo Nueva Pescanova que propuxo como desafío aos grupos participantes identificar propostas de influencia de xénero na mellora continua, concretamente a través do uso da perspectiva de xénero na identificación e resolución de problemas e detección de oportunidades de mellora. Para a definición de proposta podían utilizarse os datos procedentes de dúas fontes distintas, a análise dos datos internos e os derivados do servizo de atención á clientela, onde se reciben, identifican e tratan os problemas que se detectan en produtos. Os Desafíos empresariais están promovidos pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Universidade de Santiago a través do seu programa Woman Emprende para promover a incorporación da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade entre grupos empresarias galegos.
De entre os tres finalistas proclamouse gañador a proposta realizada polo equipo titorizado polas profesoras Loreto Fernández e Rosarío Vidal Lopo e integrado por Yago Atrio Lema, Jordi E. Cores López, Belén Rodríguez Soto, Luciana Sánchez Iglesias e Jorge Vinseiro. A elección dérona a coñecer este venres a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Secretaría Xeral da Igualdade, Aurora Patiño Doval; e o CEO de Nueva Pescanova, Ignacio González Hernández.

Os desafíos
A partir do desafío proposto por Nueva Pescanova, o obxectivo deste programa era que o alumnado da USC presentase propostas que axuden á resolución do desafío, a través do debate e coa formulación de ideas novidosas que redunden no desenvolvemento de boas prácticas. O alumnado contou tamén co apoio dun grupo de profesionais do ámbito económico avalando cientificamente a evolución das propostas presentadas para resolver os desafíos, así como co equipo técnico de Woman Emprende que en colaboración co persoal da Secretaría Xeral de Igualdade titorizaron todo o desenvolvemento do programa achegando rigor e axudando á incorporación da perspectiva de xénero nas solucións propostas.
Ademais de propiciar un achegamento ao mundo dos negocios e unha reflexión respecto das desigualdades de xénero, a convocatoria busca transferir os coñecemento adquiridos para practicar a súa incorporación ao mercado laboral e estimular a creatividade e o traballo en equipo.

Xurado
A esta primeira convocatoria concorreron máis de medio cento de estudantes procedentes de distintas áreas de coñecemento. En total organizáronse oito grupos multidisciplinares de traballo, aos que se asignaron entre dúas e tres titoras, todas elas profesoras expertas en temas de empresas, igualdade, perspectiva de xénero ou educación. O xurado mantivo un encontro este venres en San Xerome cos tres equipos finalistas para coñecer as súas respostas ao desafío formulado por Nueva Pescanova. O xurado integrábano Marta Otero Fernández, directora xeral Industrial, e Ángel Matamoro Irago, director Corporativo de Responsabilidade Social Corporativa e Relacións Institucionais, por parte de Grupo Nueva Pescanova; a subdirectoral xeral de Promoción da Igualdade, Autora Patiño Doval; e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo.