Ir o contido principal

Xa se pode formalizar a matrícula nas actividades das escolas deportivas 2015-2016

Xa se pode formalizar a matrícula nas actividades das escolas deportivas 2015-2016
Xa se pode formalizar a matrícula nas actividades das escolas deportivas 2015-2016
A USC estrea unha nova tarifa xeral para a comunidade non universitaria que reduce os prezos con respecto a anos anteriores

O Servizo de Deportes inicia o curso coa apertura do prazo de inscricións para as distintas escolas deportivas para o curso 2015-2016. A oferta está dirixida a integrantes da comunidade universitaria así como ao resto da cidadanía non vinculada directamente á USC. Como novidade fronte edicións anteriores o Servizo de Deportes estrea unha tarifa xeral para a comunidade non universitaria que reduce os prezos con respecto a outros anos. Sobre esta tarifa xeral, aplicarase un desconto do 25% no caso de ex alumnado, alumnado de bacharelato e ciclos de grao superior e menores de 18 anos, persoal do CSIC, Unixest e similares e persoal da Fundación USC Deportiva. A comunidade universitaria mantén os prezos de anos pasados, o que supón unha redución do 50% na tarifa xeral. As escolas deportivas para 2015-2016 inclúen as de adestramentos de deportes colectivos e xogos tradicionais galegos (balonmán, fútbol sala, rugby, baloncesto ou voleibol), actividades aeróbicas (aerobic e step, cardiodance e GAP e tono) así como as de atletismo, autodefensa feminina, baile deportivo e de salón, baile en liña e country, esgrima, ioga, judo, karate, kung-fu, mellora da condición física, meditación, pilates, taekwondo, tai-chi, tenis, tiro con arco, ximnasia de mantemento, ximnasia terapéutica e xadrez. Tamén estarían incluídas a escola de natación e actividades acuáticas como adestramento de adultos, aquagym, matronatación, natación de adultos, maiores de 55 e nenos, e natación terapéutica. A este abano de actividades hai que sumar as actividade na natureza, unha programación de rutas de sendeirismo que se desenvolverá ao longo de todo o ano. De todas as actividades ofertadas para este curso, a principal novidade é a incorporación de autodefensa feminina como escola propia, logo dun proceso previo no que se ofertou en forma de módulos ou cursos puntuais ao longo do pasado curso académico. A súa boa acollida propiciou o seu desenvolvemento como actividade estable ao longo de todo o período académico. O alumnado de grao que realice algunhas destas actividades poderá solicitar o recoñecemento de ata 4 créditos ECTS por actividade en cada curso académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.09.2015.