O xadrecista do club da USC Luis Medarde acada a primeira norma de Mestre Internacional

O xadrecista do Club da USC e Mestre FIDE Luís Medarde acaba de obter a primeira norma de Mestre Internacional logo de disputar o I Torneo Maxistral Cidade de Compostela, un evento único no que algúns dos mellores xadrecistas galegos tiveron a oportunidade de enfrontarse a destacadas figuras mundiais co obxectivo de acadar os títulos de Mestre e Gran Mestre Internacional.
O gañador do torneo foi o arxentino Sandro Mareco, que con esta vitoria segue a escalar postos entre os 100 mellores do ránking mundial. Curiosamente, este xadrecista só cedeu dúas táboas, unha delas co xogador local Luís Medarde.
O segundo posto da competición foi para Fernando Peralta, actual campión absoluto arxentino en 2018; o terceiro para o rumano Marius Manolache e o cuarto para Medarde. O Gran Mestre Illmars Starotsis, campión absoluto de Letonia en 2002 e membro da selección olímpica, acadou o quinto posto, mentres que o sexto e sétimo foron para os Mestres Internacionais galegos Julio Suárez e Roi reinalfdo, respectivamente. En oitavo lugar quedou o asturiano Carlos Suárez, e en noveno e décimo os composteláns Diego Suárez e Fernando Sánchez.
O torneo, que tivo lugar no Colexio de Fonseca durante unha semana, contou cun amplo seguimento a través de internet, especialmente dende Arxentina. As persoas afeccionadas a este deporte tiveron a ocasión de asistir aos comentarios que os propios xogadores facían na rede ao remate das súas partidas.
O Maxistral Cidade de Compostela estivo organizado pola USC co apoio do Concello de Compostela, de Galicia Calidade, da Caixa Rural e da Federación Galega de Xadrez.
Luís Medarde e Sandro Mareco disputando unha partida Foto de grupo con algúns dos participantes. Foto: Santi Alvite