Ir o contido principal

O xefe de Comunicación da USC, na Comisión Executiva da Rede de Gabinetes da CRUE

O xefe do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Celeiro, forma parte da Comisión Executiva da Rede de Gabinetes de Comunicación das Universidades Españolas, Comisión Sectorial de Comunicación, da CRUE. Celeiro resultou elixido nas eleccións que se celebraron no marco da asemblea xeral desta Rede a pasada semana en Madrid.
A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) é una asociación sen ánimo de lucro constituída en 1994 polas Universidades públicas e privadas españolas, que se asocian así para promover funcións e actividades que afecten á promoción, xestión e desenvolvemento da educación superior e investigación universitaria. Para realizar as súas funcións, a CRUE ten varias comisións sectoriais e grupos de traballo. En concreto, a de Comunicación ou Rede de Gabinetes de Comunicación ten como finalidade promover o intercambio de información entre as universidades e potenciar as canles de comunicación entre estas e a sociedade, contribuíndo á transparencia informativa que debe caracterizar ás institucións públicas.
O presidente da Rede de Gabinetes de Comunicación, proposto pola CRUE, é o reitor da Universitat Jaume I de Castellón, Francisco Toledo Lobo, e da Comisión Executiva forman parte, como membros natos, o director de Comunicación e Publicacións da Universidade do presidente, Francisco Fernández Beltrán, que será o secretario; e a presidenta de Asociación Universitaria de Gabinetes de Comunicación (AUGAC), Mª Rosa Mirasierras, directora da Oficina de Comunicación da Universidade de Alacante. Os outros seis membros foron elixidos polos representantes de máis de 50 universidades que participaron na asemblea: Pilar Buil, vicerreitora de Comunicación da Universidade Internacional de Cataluña; Luis Celeiro, xefe do Gabinete de Comunicación da USC; Mariola Conde, directora de Imaxe e Comunicación da Universidade de Zaragoza; Pilar Cuena, directora do Gabinete de Comunicación da Universidade Autónoma de Madrid; Leandro Marín, vicerrector da Universidade de Murcia; e Antonio Marín, director de Comunicación da Universidade de Granada.
Tras a elección da directiva, a asemblea tratou outros asuntos como a elaboración dunha guía de titulacións de ámbito estatal que estará ao dispor dos usuarios a través da web a comezos do vindeiro mes de marzo. O presidente da Rede negociará cos responsables do Ministerio para que esta guía teña caracter oficial e, polo tanto, tamén conte coa información que os responsables da política educativa consideren necesaria para os estudantes que van entrar no ensino superior o curso próximo.
Tamén se estudou a posibilidade de pór en marcha outra guía na que se recolla un ficheiro de expertos de cada universidade en diversos temas, tratando de axudar á conexión da actividade dos universitarios coa sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2007.