Ir o contido principal

Xeomática e Topografía, unha enxeñaría de gran prestixio no estranxeiro pero pouco coñecida e recoñecida en España

María Iniesto, no centro da imaxe, con relatores da xornada académica e profesional desenvolvida na EPS
María Iniesto, no centro da imaxe, con relatores da xornada académica e profesional desenvolvida na EPS
Docentes, profesionais e alumnos salientan na Escola Politécnica Superior o carácter transversal dunha titulación que ve nas novas tecnoloxías un nicho de oportunidades

Xeomática e Topografía e unha enxeñaría que goza de gran prestixio no contexto europeo, sobre todo en países como Francia, Holanda ou mesmo no Reino Unido, pero esta boa reputación profesional e social non atopa réplica en España, onde os enxeñeiros en Xeomática e Topografía son profesionais pouco coñecidos e recoñecidos tanto no ámbito empresarial como na Administración, tal e como se puxo de manifesto nunha xornada académico profesional desenvolvida na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC.

A promoción, difusión e valorización por parte de todos os estamentos sociais, colexios profesionais e universidades dos cometidos e servizos que poden prestar á sociedade os enxeñeiros en Xeomática e Topografía antóllase como unha premisa básica para revitalizar o prestixio social dunha “enxeñaría transversal” que ve o desenvolvemento das novas tecnoloxías como oportunidades e desafíos aos que pode dar respostas. “O mobile mapping, os sistemas SCAN to BIM, os drones ou as IDE constitúe novos segmentos de mercado, para os que os enxeñeiros en Xeomática en Topografía, como expertos na captura, tratamento e representación datos xeográficos, son os profesionais mellor preparados”, tal e como destacaron os participantes no foro organizado polo Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica de Galicia (COEXT) e a USC. O debate sobre as vías de empregabilidade que ofrece o grao de Enxeñaría en Xeomática e Topografía, unha sesión moderada pola delegada do COEXT en Galicia, a tamén profesora da USC na Escola Politécnica Superior María José Iniesto, permitiu tamén poñer o foco sobre o emprendemento, a función pública e mesmo a carreira investigadora como itinerarios que ofrecen vías de emprego aos enxeñeiros graduados en Xeomática e Topografía. A xornada académica e profesional promovida pola Colexio Oficial de Enxeñará Xeomática e Topográfica na EPS serviu asemade para a presentación do órgano colexiado os estudantes e novos titulados, ademais de para poñer en contacto estudantes, enxeñeiros titulados, profesionais e docentes. Os profesores da USC Francisco Javier López, Carlos Núñez, ademais de María José Iniesto interviñeron como relatores neste foro, no que tamén participaron Alicia Cañizares, vogal do COEXT en Galicia; Alejandro Ávila Búa, responsable de topografía do patrimonio do Grupo Trato; Inmaculada Castro, co fundadora da empresa Peritos no Rural; Ana Rodríguez , funcionaria do corpo de Topógrafos do Concello de Lugo, e Simón Peña, investigador de doutoramento na EPS.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2016.